Medio Ambiente renovará as canalizacións das rúas Bataneira e Figueira para poñer fin ás avarías na rede de augas da zona

A Xunta de Goberno Local desta semana adxudicaba os traballos que terán un orzamento de 79.000 € e un prazo de execución de 3 meses

A actuación enmárcase nun plan municipal, dotado con 1’2 millóns de euros, para erradicar a presenza do fibrocemento na cidade que afectará a un total de 250 acometidas

Xoves, 04 de febreiro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Medio Ambiente renovará as canalizacións das rúas Bataneira e Figueira para poñer fin ás avarías na rede de augas da zona

A Xunta de Goberno Local adxudicou esta semana á empresa Construcciones Sanle Lugo S.L. as obras de renovación das redes de abastecemento e saneamento nas rúas Bataneira e Figueira.

Os traballos, que terán un prazo de execución de 3 meses, foron licitados por un importe de 79.034 euros.

A actuación enmárcase dentro do plan municipal que o executivo de Lara Méndez está a desenvolver para erradicar a presenza de fibrocemento nas canalizacións da cidade. Un obxectivo para o que a área de Medio Ambiente, que dirixe Álvaro Santos, xa consignou 1’2 millóns de euros.

A intervención conxunta terá como finalidade a substitución das tubaxes actuáis por outras de fundición en 250 acometidas da capital, 15 delas só nestas dúas rúas (Bantaneira e Figueira) co obxectivo de “mellorar os servizos públicos apostando ademais por infraestruturas máis eficientes que incrementarán tamén a calidade da prestación que xa se ofrece”, segundo sinalou Álvaro Santos.

O edil explicou así mesmo que “o alcance deste proxecto suporá a substitución dun total de 7.080 metros de tubaxes, concentrando, fundamentalmente, os esforzos nas contornas de Fingoi, Marina Española e a Cheda, por ser os barrios nos que se producen a maior parte das avarías que teñen orixe en seren as conducións de fibrocemento".

“De maneira que, coa eliminación deste material acadaremos varios propósitos: dispoñer dunha rede máis sostible, en consonancia coa transformación que estamos levando a cabo do concello, e tamén máis resistente fronte aos cambios de presión, de temperatura e fronte ás vibracións que se producen sobre a calzada, diminuíndo o número de incidencias e aumentando a durabilidade das dotacións”, incidiu.

Santos Ramos deu conta tamén de que o cronograma establecido, ao respecto, pola área de Medio Ambiente para a execución das tarefas previstas continuará desenvolvéndose por Aviación Española, Armórica, Escultor Asorei, Rei don García, a marxe dereita da avenida Marqués de Ombreiro e boa parte do barrio da Cheda que inclúe as rúas Río Landro, Eume, Pousadela, Masma, Sar, Pambre e Azúmara.

“De maneira que nos vindeiros meses, segundo os procedementos de contratación - xa en curso - se vaian resolvendo,  se acometerán os traballos que comprenderán, ademais da substitución das canalizacións, a renovación completa das beirarrúas, que suman 6.550 metros de pavimento, para actuar dunha forma integral sobre estas vías”, concluíu o concelleiro de Medio Ambiente.

Xa noutra orde de asuntos, na sesión desta semana o equipo de goberno abordou seis expedientes urbanísticos para autorizar, entre outros, a reforma dun inmoble para oficina en San Isidro Labrador (10.483 €), dunha edificación na rúa Tres Marías (50.663 €) así como a restauración da Igrexa de San Pedro (529.121 €).

Audio

  • O edil Álvaro Santos, sobre a adxudicación das obras nas rúas Bataneira e Figueira | Descargar mp3

Noticias relacionadas