Medio Ambiente renova a concesión municipal dos Hortos Urbanos revalidando o seu compromiso pola agricultura ecolóxica

Durante os vindeiros 15 días as persoas interesadas poderán concorrer ao procedemento para a súa adxudicación presentando unha instancia no Rexistro Xeral do Concello.

En total, ofrécense 32 parcelas que ocupan 1085 m² de terreo nos Paxariños e o resto da superficie se destina a zonas comúns de aparcamento, unha caseta para apeiros e material, fontes de rega e mesas e bancos de uso público.

Terán prioridade na convocatoria as persoas desempregadas, en risco de exclusión social ou maiores de 65 anos.

As colleitas destinaranse ao autoconsumo para favorecer os hábitos de vida saudables a través do cultivo orgánico de variedades locais.

Luns, 27 de setembro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Medio Ambiente renova a concesión municipal dos Hortos Urbanos revalidando o seu compromiso pola agricultura ecolóxica

A área de Medio Ambiente renovará a concesión dos Hortos Urbanos do Parque dos Paxariños.

Unha iniciativa coa que o Goberno de Lara Méndez pretende recuperar unha extensión de máis de 3.000 m² de zona verde, ubicada entre a Rolda das Fontiñas e o paseo fluvial do Rato - a carón da barrio do Xuíz - como espazo de convivencia social ao redor da labranza individual de pequenas parcelas para autoconsumo.

Logo de acondicionar o recinto xa no anterior mandato, a primeira adxudicación destes terreos vén de caducar polo que o Executivo local tramitará agora o procedemento para asignalos, de novo, á cidadanía interesada.

En total, entregaranse 32 parcelas de, en torno aos 30 m² cada unha, separadas entre elas por pantallas vexetais. A zona conta tamén con espazos dotacionais como estacionamentos e unha caseta de madeira para a garda de apeiros de labranza e material de traballo, así como fontes de rega adaptadas á contorna e mesas e bancos de uso público.

“Deste xeito cumprimos dous obxectivos: por unha banda impulsar hábitos saudables, centrados na produción ecolóxica e, precisamente, relacionado con este mesmo aspecto, seguir contribuíndo a protexer o medio ambiente a través do seu aproveitamento, ao tempo que melloramos a calidade de vida das e dos habitantes, impulsando as relacións sociais, en espazos abertos e seguros, apoiando a cultura do ocio e fomentando a mellora da calidade alimentaria estreitamente relacionada con prácticas agrícolas sostibles”, sinalou a alcaldesa.

Lara Méndez indicou que terán preferencia entre as e os solicitantes aquelas persoas que sexan desempregadas, pensionistas, que teñan menos capacidade adquisitiva e/ou menos patrimonio persoal.

“Non podemos esquecer que a nosa vontade é a de promover a utilización de técnicas respectuosas co medio pero tamén queremos que estes hortos sexan unha ferramenta para integración que permita poñer en valor a coexistencia entre as culturas do agro e a cidade que definen a nosa identidade de cidade cunha fonda tradición rural”, destacou a rexedora.

O compromiso do Goberno local pola agricultura ecolóxica: cultivos orgánicos e sementes de variedades locais.

Pola súa banda, o tenente de alcaldesa e concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Fernández, explicou que, segundo recolle a Ordenanza Municipal en vigor, entre as normas de utilización das parcelas, “cobran especial importancia unha serie de normas relacionadas coa utilización das mesmas como pode ser que deben predominar os cultivos autóctonos, é dicir, plantas comestibles de tradición hortícola, plantas aromáticas e tamén medicinais”.

“Existe, ademais, un forte compromiso pola agricultura ecolóxica, de maneira que as usuarias e usuarios dos hortos deberán prescindir de produtos químicos de síntese. Este requirimento implica, alén, a fertilización orgánica da parcela, o uso de sementes ecolóxicas e de variedades locais, así como a súa rotación. E, na medida do posible, usaranse remedios naturais contra as pragas e enfermidades e fertilizarase a terra regularmente con materia orgánica previamente descomposta, no canto de empregar substancias artificiais”, referiu o edil.

Igualmente, Miguel Fernández, apuntou que se evitará malgastar auga ou a utilización de métodos de rega que provoquen un consumo anormal da mesma. “Quedando reservadas, por parte do Concello, a utilización do 10% das parcelas para destinalas a un uso divulgativo a través de accións de educación ambiental”.

Como solicitar os Hortos Urbanos

Está previsto que o decreto que autoriza o procedemento se publique esta mesma semana tanto no Taboleiros de Edictos como na web do Concello. Acto, a partir do cal, as persoas interesadas na adxudicación dos hortos, disporán dun prazo de 15 días para presentar a súa solicitude no Rexistro Xeral do Concello.

Deberán entregar cumprimentado o modelo normalizado de instancia número 658 de Solicitude: Convocatoria Hortos Urbanos.

A listaxe provisional de admitidos exporase ao público 8 días despois de que remate o prazo para concorrer, tempo no que se avaliarán as solicitudes, e as persoas inscritas contarán cun período de 15 días para presentar as reclamacións que consideren oportunas antes de que se comuniquen as listaxes definitivas. “O que agardamos poida acontecer xa no mes de outubro”, afirmou Miguel Fernández.

“Mentres tanto, aproveitaremos estas semanas para proceder a voltear a terra e deixala preparada para a próxima tempada para o que xa contratamos os traballos de roza e acondicionamento necesarios”, concluíu Fernández.

As persoas que non resulten beneficiarias pasarán a integrar unha bolsa de suplentes, que tamén se ordenará conforme á valoración acadada na fase de baremo, e da que se botará man en caso de renuncia ou perda do dereito de calquera das persoas adxudicatarias.

Audio

  • O edil de Medio Ambiente, Miguel Fernández, sobre a renovación da concesión de Hortos Urbanos | Descargar mp3

Multimedia

  • Medio Ambiente renova a concesión municipal dos Hortos Urbanos revalidando o seu compromiso pola agricultura ecolóxica

Noticias relacionadas