Medio Ambiente precinta por seguridade un bambán inclusivo no parque infantil de Albeiros

Trátase dunha medida de precaución, tras coñecerse que a mesma carriola provocou lesións a unha menor noutra localidade de España

O edil Álvaro Santos fai un chamamento ás familias para que respecten a sinalización e eviten que as crianzas fagan uso desta instalación ata que se volva poñer en servizo

Venres, 22 de novembro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Medio Ambiente precinta por seguridade un bambán inclusivo no parque infantil de Albeiros

A área de Medio Ambiente vén de precintar un bambán inclusivo, no parque infantil de Albeiros, tralas sospeitas de que a carriola podería non cumprir todos os requisitos de seguridade.

O edil, Álvaro Santos, explicou que “a alerta detectouse noutra localidade española onde unha nena sufriu lesións nunha man mentres xogaba nun didán similar. Automaticamente, a empresa subministradora destes elementos avisou aos municipios onde foron instalados para advertir do acontecido e, de forma inmediata, procedemos a clausuralo ata que teñamos a absoluta certeza de que cumpre tódalas garantías”.

O concelleiro agarda que “a inmobilización se trate dunha cuestión de días” e namentres, descúlpase polas molestias que isto poida causar á veciñanza ao tempo que fixo un chamamento ás familias para que respecten a sinalización e eviten que as crianzas fagan uso da instalación ata que se volva poñer en servizo.

Por outra banda, o concelleiro de Medio Ambiente informou tamén de que esta mañá foi preciso intervir en varios puntos da cidade ante a xeración de bolsas de auga debido á cantidade de precipitacións que se rexistraron nas últimas horas.

“Operarios dos servizos municipais tiveron que actuar nunha zona próxima ao Campo de Fútbol da Gándaras, na rotonda de Benigno Rivera e tamén na ponte que une o Polígono do Ceao co Parque Empresarial das Gándaras para desatascar os sumidoiros da rede de pluviais que se atoaron debido á acumulación da choiva caída durante esta maña, restablecéndose deseguido a normalidade nas tres contornas”, aclarou Álvaro Santos.

Noticias relacionadas