Medio Ambiente poñerá este venres en funcionamento as fontes ornamentais, apagadas por seguridade sanitaria pola pandemia

Desde esta semana, ademais, a concellería procedera a desinfección das fontes de consumo humano do municipio para proceder a súa reapertura.

O edil Miguel Fernández lembra que a cidadanía debe cumprir as recomendacións das autoridades sanitarias de desinfectar as mans trala utilización das fontes públicas.

Xoves, 06 de maio de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Medio Ambiente poñerá este venres en funcionamento as fontes ornamentais, apagadas por seguridade sanitaria pola pandemia

A concellería de Medio Ambiente poñerá este venres en funcionamento as oito fontes ornamentais do Concello de Lugo: a da Medusa, na Avenida de Garabolos; a Cibernética, na Fonte dos Ranchos; a dos Leóns, na Praza de Avilés; a Fonte do Rei, na praza do mesmo nome, a de Augas Férreas; a das Rás, nos xardíns de García Morato, a da Praza do Campo e a da Pinguela, na Rinconada do Miño.

Durante esta semana e previamente á súa posta en funcionamento, operarios da empresa encargada do seu mantemento realizaron todos os traballos de limpeza, tratamento e control da calidade da auga mantendo as máximas garantías sanitarias.

O concelleiro responsable, Miguel Fernández, lembrou que “as fontes estiveron apagadas, sen auga, dende o inicio do estado de alarma ante a situación provocada pola pandemia da covid-19 como medida de prevención e atendendo as recomendacións das autoridades do ámbito sanitario, pero agora, feita de novo a consulta, podemos xa poñelas en funcionamento para goce da cidadanía”. 

Consumo humano

Ademais, dende esta semana, procederase a desinfección das fontes de consumo humano e a súa reapertura. En total trátase de preto dun cento de mananciais nos que, sendo potables e cumprindo todos os requisitos de salubridade, “xa se poderán empregar de novo cumprindo as recomendacións das autoridades sanitarias de desinfectar as mans trala utilización das fontes públicas”, sostivo o concelleiro.

Estas fontes conectadas á traída pública estiveron sen subministración dende o inicio do estado de alarma ante a situación provocada pola pandemia da COVID-19.

Noticias relacionadas