Medio Ambiente pon a disposición da cidadanía a zona de xogos de Aquilino Iglesia Alvariño trala súa renovación

Lara Méndez e Álvaro Santos procedían esta tarde á apertura do recinto, no que se investiron máis de 50.000€, ofrecendo unha merenda saudable á rapazada da contorna

Mércores, 05 de febreiro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Medio Ambiente pon a disposición da cidadanía a zona de xogos de Aquilino Iglesia Alvariño trala súa renovación

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez e o concelleiro de Medio Ambiente, Álvaro Santos, procedían esta tarde á apertura do parque infantil sito en Aquilino Iglesia Alvariño, recentemente reformado.

A intervención supuxo un investimento municipal de 51.674’70 euros co que se pretendía acadar unha renovación integral dunhas instalacións moi frecuentadas pola veciñanza da zona.

“Logo de retirar o mobiliario antigo, procedeuse a colocar os novos elementos, atendendo unha demanda cidadá xa comprometida dende hai meses polo goberno local”, explicou a rexedora quen subliñou que esta área de xogos “é un espazo de lecer e descanso moi apreciado entre os residentes de Lamas de Prado e da Abella no que, pola súa proximidade con outras dependencias municipais como o CEMIT ou o Centro Cívico, se propicia unha verdadeira convivencia interxeracional.  Polo que, dende o goberno, consideramos urxente e necesario rehabilitalo tendo en conta a súa funcionalidade e o papel dinamizador que exerce”, enxalzou Lara Méndez.

Pola súa banda, Álvaro Santos indicou que “as actuacións incluíron a substitución do valado perimetral e do pavimento de seguridade e tamén foi instalado un novo módulo cun circuíto de habilidades con tobogán de torres, unha randeeira vaivén niño, unha casiña de xogos, un balancín e tres saltadores”.

No acto de apertura o Concello ofreceu unha merenda saudable á rapazada do barrio consistente en pezas de froita, zumos e pequenos bocadillos, para fomentar o seguimento de pautas de alimentación axeitadas.

Nos últimos meses o goberno de Lara Méndez levou a cabo outras actuacións de mellora en diferentes parques e zonas verdes da capital como foi a ampliación dos recintos de Albeiros e Campo Castelo así como a creación de novos espazos de esparexemento como o da Praza de Bretaña ou a reposición dos elementos de xogo no Parque de Rosalía de Castro que concluía a semana pasada.

Audio

  • Lara Méndez, sobre a zona de xogos de Aquilino Iglesia Alvariño | Descargar mp3
 

Multimedia

  • Medio Ambiente pon a disposición da cidadanía a zona de xogos de Aquilino Iglesia Alvariño trala súa renovación
  • Medio Ambiente pon a disposición da cidadanía a zona de xogos de Aquilino Iglesia Alvariño trala súa renovación

Noticias relacionadas