Medio Ambiente intensifica estes días a limpeza das canalizacións da cidade para previr incidencias durante a época de choivas

A Xunta de Goberno adxudicará este mércores o contrato para a mellora da drenaxe na Estrada da Granxa, Ronda das Fontiñas e na Escalinata da Estación cun investimento próximo aos 90.000€

Martes, 24 de setembro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Medio Ambiente intensifica estes días a limpeza das canalizacións da cidade para previr incidencias durante a época de choivas

Os operarios do servizo de limpeza procedían esta mañá a asear as canalizacións do recinto feiral antes de que comecen as festas. Os labores, que se concentraron hoxe na contorna do Parque de Rosalía, se desenvolven dentro do traballo ordinario de Urbaser, obedecendo á planificación elaborada polos técnicos de Medio Ambiente conforme ás necesidades locais.

“A mellor ferramenta é a previsión – asegura Álvaro Santos - por tanto, recén estreado o outono, dende a área de Medio Ambiente, estamos a intensificar estes días as tarefas de acondicionamento na rede de sumidoiros da cidade para evitar que, cando comece o mal tempo, se poidan producir incidencias por atascos ou sucidade nas tubaxes”.

Santos Ramos refire que durante o pasado exercicio o departamento de Medio Ambiente ordenou máis de 1000 intervencións deste tipo nos distintos barrios da capital, nas que se incluíu a posta a punto de 2109 arquetas e outras 160 limpezas de canalóns e baixantes.

“Son actuacións, a maioría, correntes, habituais do servizo; outras, en cambio, se realizan a petición da cidadanía que dá conta dalgún atoamento ou problema na rede de augas pero unha porcentaxe elevada atende tamén a necesidades ou circunstancias específicas como pode ser, neste caso, a proximidade das celebracións patronais, a entrada na época de choivas ou mesmo que a complexidade orográfica dalgúns enclaves, como Fontiñas ou a Avenida da Coruña, esixan deste procedemento varias veces ao ano”, explica o edil responsable.

Nesta mesma liña, Álvaro Santos adiantaba que a Xunta de Goberno aprobará mañá a contratación das obras, por un importe de 83.217 euros, para mellorar a drenaxe na Estrada da Granxa, a altura do número 114 onde se rexistran frecuentes inundacións do garaxe deste inmoble pola escorrentía que presenta o terreo; na Ronda das Fontiñas, para corrixir o exceso de augas que baixa polo Carril dos Indios e a rúa Outono e tamén na Escalinata da Estación onde varios edificios padecen humidades e filtracións.

“Queremos abordar canto antes estas deficiencias para atallar o prexuízo que están a sufrir os residentes nestas zonas e, ao mesmo tempo, evitar que a presenza de lixo nas conducións de auga poida propiciar contratempos similares noutros puntos do concello, por eso nas vindeiras semanas poñeremos énfase en limpar toda a rede de sumidoiros”, conclúe Álvaro Santos ao tempo que lembrou que, con cargo ao Plan de Barrios, o goberno investiu nos últimos meses outros 56.000 euros en mellorar o saneamento en Fontiñas, Recatelo e nas rúas Sargadelos e Ferreiriño.

Audio

  • Álvaro Santos, sobre a limpeza das canalizacións da cidade | Descargar mp3

Noticias relacionadas