Medio Ambiente insta á Valedora do Pobo a incrementar a vixilancia da Policía Autonómica para frear a reiteración de vertidos ilegais na Garaballa

Álvaro Santos deu conta, cun informe gráfico, das últimas 6 limpezas específicas realizadas polo Concello na contorna, da que se retiraron ducias de toneladas de entullo e roupa, fundamentalmente

Xoves, 04 de xuño de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Medio Ambiente insta á Valedora do Pobo a incrementar a vixilancia da Policía Autonómica para frear a reiteración de vertidos ilegais na Garaballa

Ata en 6 ocasións a área de Medio Ambiente desenvolveu, nos últimos anos, dispositivos específicos de aseo para recoller os residuos vertidos, de forma ilegal, na contorna da Garaballa.

Intervencións nas que a empresa concesionaria do servizo de limpeza procedeu a retirar ducias de toneladas de entullo e roupa, fundamentalmente.

“En outubro de 2017, abril do 18; xaneiro, febreiro e marzo do 19 e, a última, a inicios de 2020. O Concello de Lugo ten realizado numerosas actuacións de eliminación de vertedoiros incontrolados no lugar coñecido como Camiño de Cortizo para tratar de evitar os efectos perniciosos da súa acumulación, non só na natureza senón tamén para as persoas residentes na contorna, e garantir a salubridade”, explicou Álvaro Santos.

Traballos que se completaron con outros labores de tipo ordinario, incluídos dentro das tarefas habituais que a concesionaria ten encomendadas, segundo sinalou o edil, “en cumprida resposta ás peticións e denuncias efectuadas pola cidadanía ao respecto, e que se compaxinaron coa realización de campañas de detección precoz de verteduras en lugares que, desgraciadamente, son escenario frecuente deste tipo de condutas. Todo na procura da súa erradicación ou, cando menos, para minimizar os prexuízos derivados das mesmas”.

Sen embargo, o concelleiro puxo de manifesto que, na maioría dos casos, estes vertedoiros están conformados por residuos considerados como industriais e mesmo perigosos o cal excede da competencia municipal, polo que, “acabamos de dar traslado á Valedora do Pobo do alcance desta situación ao tempo que lle indicamos a necesidade de que, debido a esta razón, sexa a Policía Autonómica a que interveña e investigue a súa aparición”.

Santos Ramos aclarou que o informe elaborado dende Medio Ambiente resposta á preocupación amosada, semanas atrás, polo ente galego que se interesou pola cuestión ante a reiteración da problemática.

“A pesar de que o Concello de Lugo realiza labores periódicas de vixilancia, a proximidade dos Polígonos Industriais de O Ceao e As Gándaras, dificulta a detección destes vertidos no momento no que se realizan polo que entendemos que resulta primordial iniciar, como en tantas outras ocasións, un traballo colaborativo e conxunto entre administracións, para rematar definitivamente con esta práctica tan nociva para toda a sociedade”, concluíu Álvaro Santos.

Audio

  • O edil Álvaro Santos, sobre o Informe Valedora, dos vertidos na contorna da Garaballa | Descargar mp3

Multimedia

  • Medio Ambiente insta á Valedora do Pobo a incrementar a vixilancia da Policía Autonómica para frear a reiteración de vertidos ilegais na Garaballa

Noticias relacionadas