Medio Ambiente inicia a reparación da rede de saneamento na calella do Ceao que separa a rúa da Industria da dos Canteiros

A actuación, de gran complexidade técnica pola falta de espazo na que deben traballar os equipos, desenvolverase durante os próximos días

Xoves, 12 de decembro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Medio Ambiente inicia a reparación da rede de saneamento na calella do Ceao que separa a rúa da Industria da dos Canteiros

Nos próximos días quedará subsanado o problema de filtracións detectado na calella entre a rúa da Industria e a dos Canteiros, no polígono do Ceao.

O edil de Medio Ambiente, Álvaro Santos, supervisaba esta mañá os traballos de reparación iniciados que consisten na renovación da tubaxe da rede de saneamento.

“A avaría ten varias orixes, por unha banda o desgaste derivado da antigüidade das instalacións pero tamén o deterioro motivado polo depósito de materiais neste camiño o que fixo agravar o estado de conservación do firme e das conducións”, explicou o concelleiro quen tamén sinalou que as verteduras de augas residuais que se veñen rexistrando na zona son “froito das pequenas roturas que presenta a canalización que agora se vai substituír e que, entre outros factores, foron provocadas polo crecemento da vexetación e das súas raíces”.

O responsable de Medio Ambiente referiu tamén que, aínda que as tarefas se contrataron con anterioridade, o seu inicio debeu adiarse ata esta semana debido á mala climatoloxía. “A choiva anegou o terreo impedindo calquera actuación sobre el. Condicionantes aos que tamén hai que engadir a falta de espazo para desenvolver os labores, xa que o canellón apenas ten metro e medio de ancho, unha estreitura que dificulta o operativo e limita o tipo de maquinaria que se pode empregar”.

“Aínda así, agardamos que nas próximas xornadas o problema quede definitivamente resolto sen que volva causar prexuízo algún ás naves da contorna”, concluíu Santos Ramos.

Audio

  • O edil de Medio Ambiente, Álvaro Santos, sobre a reparación da rede de saneamento na calella do Ceao | Descargar mp3

Noticias relacionadas