Medio Ambiente humaniza Soto Freire coa colocación de novo mobiliario urbano e ornamentación vexetal

Operarios da brigada municipal de Parques e Xardíns instalaban esta mañá 8 xardineiras con plantas de tempada mellorando así a apariencia desta céntrica rúa peonil.

A intervención, programada xa dende principios de ano, implicou a realización dun estudo de idoneidade das especies arbustivas para garantir a súa supervivencia tendo en conta as condicións da contorna.

Mércores, 03 de marzo de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Medio Ambiente humaniza Soto Freire coa colocación de novo mobiliario urbano e ornamentación vexetal

A rúa Soto Freire loce dende hoxe unha apariencia moito máis amable e atractiva logo dos traballos de humanización levados a cabo pola área de Medio Ambiente.

Operarios da brigada municipal de Parques e Xardíns procedían esta mañá á colocación de 8 xardineiras cunha nova ornamentación vexetal adaptada á contorna.

O edil Álvaro Santos explicaba que a remodelación estética da vía, programada dende principios de ano polo seu departamento, se adiou na súa execución “pola necesidade de avaliar a idoneidade das especies a empregar co fin de garantir a súa viabilidade, tendo en conta que as árbores que foran plantadas inicialmente se repuxeron en máis dunha ocasión porque secaban debido ás condicións do terreo”.

“Deste xeito – engadiu o concelleiro – aproveitouse o espazo dos alcorques existentes, logo de acondicionalos mesmo con pedras decorativas, para asentar neles grandes testos con arbustos, que se irán renovando coas flores propias de cada tempada”.

“Procuramos mellorar, así, non só a imaxe desta céntrica rúa peonil, senón tamén volvela máis acolledora para a cidadanía nun momento no que os espazos abertos resultan fundamentais para favorecer as relacións sociais respectando os condicionantes da pandemia”, concluíu o responsable de Medio Ambiente.

Noticias relacionadas