Medio Ambiente fai un chamamento cidadá para promover a adopción dos animais atopados nunha vivenda da avenida de Madrid

O edil Álvaro Santos lembra que a Sociedade Protectora de Animais e Plantas, coa que o Concello se atopa en permanente colaboración, é a única entidade habilitada para xestionar o procedemento

O Concello advirte da posible existencia dunha canle de venda alegal dos exemplares na que se estarían comercializando irregularmente

Luns, 29 de xuño de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Medio Ambiente fai un chamamento cidadá para promover a adopción dos animais atopados nunha vivenda da avenida de Madrid

A área de Medio Ambiente, que dirixe o edil Álvaro Santos, vén de facer un chamamento cidadá para promover a adopción e/ou acollida dos animais atopados nunha vivenda da avenida de Madrid.

“Apelamos á solidariedade e empatía da poboación para que colaboren nesta causa ben co acollemento temporal dalgún destes cans, ben coa súa tutela definitiva. Trátase dunha situación moi complexa debido ao elevado número de exemplares que conviven no mesmo recinto e que dificulta o seu traslado tendo en conta a saturación que padecen as instalacións da Protectora de Lugo; polo que só nos resta convidar á veciñanza a que, voluntariamente, asuma o coidado dalgún deles, aínda que sexa de xeito provisional”, subliñou o concelleiro.

En total, trátase de preto dun cento de cans de diferentes razas e tamaños que habitan nunha pequena construción sita na avenida de Madrid. Unha situación da que o Concello tivo constancia hai unhas semanas, “momento no que xa de oficio iniciamos, coa Policía Local, unha investigación, para garantir en todo momento o seu benestar así como o da persoa que residía con eles”, lembra Santos Ramos.

“Dende o minuto un e ata hoxe a atención aos cans foi constante, xa que persoal da Sociedade Protectora de Animais e Plantas se despraza a diario para alimentalos e levar un exhaustivo control sobre o seu estado de hixiene e saúde”.

Precisamente o responsable de Medio Ambiente sinala que esta é a única entidade habilitada para tramitar o procedemento de adopción ou acollida que non terá custo ningún para as persoas que a soliciten salvo a manutención dos exemplares dos que se fagan cargo, en alusión á posible existencia dunha canle de venda irregular dos mesmos á que se lle estaría dando difusión a través das redes sociais.

Audio

  • O edil de Medio Ambiente, Álvaro Santos, sobre o chamamento á adopción de cans, na Avda. Madrid | Descargar mp3

Noticias relacionadas