Medio Ambiente emprega unha novidosa tecnoloxía sen gabia na reparación de dous colectores de saneamento en San Eufrasio e rúa Vilalba para non prexudicar ao tráfico

Álvaro Santos subliña que os traballos námbalas dúas instalacións quedarán rematados durante a xornada de hoxe

Martes, 22 de outubro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Medio Ambiente emprega unha novidosa tecnoloxía sen gabia na reparación de dous colectores de saneamento en San Eufrasio e rúa Vilalba para non prexudicar ao tráfico

O edil de Medio Ambiente, Álvaro Santos anunciaba hoxe que durante esta xornada quedarán solucionados os problemas na rede de saneamento que meses atrás provocaron o afundimento dunha parte da calzada en San Eufrasio.

“Logo de realizar en xullo unha inspección con cámara dos colectores que discorren por esa rúa, detectouse que un deles, concretamente o máis próximo á liña de bordo, presentaba mal estado xeral das xuntas, determinándose a necesidade da súa reparación polo que, para minimizar as afeccións ao tráfico nesta vía, os técnicos municipais optaron por rehabilitalo mediante tecnoloxía sen gabia, que permite eliminar escavacións e obras na estrada”, indicou o concelleiro.

O arranxo do colector, que está previsto remate hoxe, levarse a cabo mediante un novidoso sistema que permitirá crear unha tubaxe nova dentro da xa existente, mediante un proceso de curado in situ cun equipo de raios ultravioleta. Esta nova canalización que se adhire á rede existente, componse de fibra de vidro e redes de poliéster resistentes á corrosión e impregnadas en resina. E, ademais de non ter costuras, dispón dunhas propiedades mecánicas e elásticas que lle permitirán adaptarse perfectamente a calquera perfil”, explicou Santos Ramos, deixando constancia, así, da idoneidade do procedemento escollido para resolver esta avaría.

Do mesmo xeito, o responsable de Medio Ambiente, deu conta tamén de que, tralas queixas trasladadas por unha comunidade de propietarios da rúa Vilalba, relativa a filtracións no soto do seu edificio, o servizo de Augas do Concello puido comprobar que unha parte das mesmas proviñan da rede municipal, “probablemente dun colector de formigón que discorre pola referida vía e que conecta coa instalación de PVC da Rolda da Muralla. De maneira que, sendo conscientes dos problemas de tráfico que se ocasionarían no suposto de abrir toda a calzada para localizar as fugas sen coñecer exactamente os puntos de rotura, procedeuse a realizar unha inspección con cámara na que se certificou que era precisa a súa reparación.

Así que, tamén nesta ocasión, optouse por utilizar esta mesma tecnoloxía sen gabia, estando previsto iniciar e rematar os traballos ao longo da tarde de hoxe”, concretou o edil Santos Ramos indicou que, unha vez terminados estes operativos, levarase a cabo a revisión dun tramo de rede pública na Rolda da Muralla para comprobar o seu estado xeral. “O percorrido que está previsto analizar é o comprendido entre o cruzamento con rúa Castelao e os números 55-56 de Rolda, para o que será necesario cortar o carril dereito de circulación desta rúa durante a realización das tarefas”, advertiu o concelleiro.

Audio

  • O edil de Medio Ambiente, Álvaro Santos, sobre a novidosa tecnoloxía | Descargar mp3

Noticias relacionadas