Medio Ambiente destina 16.000 € ao acondicionamento da zona verde do Pazo de Feiras e dos parques Marcos Cela e Paxariños

A limpeza e roza destes espazos debe licitarse por separado ao non estar incluídos na adxudicación actual para o mantemento dos xardíns municipais.

Tras esta intervención inicial, Álvaro Santos explica que recorrerá a un contrato específico para garantir a conservación permanente destes enclaves ata a renovación dos pregos do servizo, que xa se están elaborando.

Martes, 02 de xuño de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Medio Ambiente destina 16.000 € ao acondicionamento da zona verde do Pazo de Feiras e dos parques Marcos Cela e Paxariños

A área de Medio Ambiente destinará 16.000 euros ao acondicionamento da zona verde do Pazo de Feiras e dos parques Marcos Cela e Paxariños.

O edil Álvaro Santos explicaba que esta mesma mañá deron comezo os traballos nas inmediacións do paseo entre a Ponte Romana e a pasarela sobre o Miño, que consistirán, fundamentalmente, na sega da herba e na roza da maleza que se multiplicou nas últimas semanas debido ás altas temperaturas e ás choivas rexistradas esta primavera.

“Dende a área de Medio Ambiente procedeuse á contratación, por separado, destas tarefas xa que ningún dos tres espazos aparece contemplado na concesión actual para o mantemento dos xardíns municipais. Así, foi preciso elaborar unha proposta de gasto para poder executar os labores que, logo de iniciarse hoxe xunto ao recinto feiral, en próximas xornadas se acometerán nas contornas axardinadas sitas na Volta da Viña e na rolda das Fontiñas”.

O concelleiro deu conta tamén de que, tras esta intervención inicial, “que se tramitou con toda a celeridade posible, en canto as limitacións e as prioridades impostas polo Estado de Alarma o permitiron”, dende Medio Ambiente se licitará outra adxudicación para garantir a súa conservación de maneira permanente e mentres non se renovan os pregos do servizo que xa se están ultimando.

“O noso obxectivo é recuperar xa estes parques para o uso e desfrute da veciñanza, toda vez que se van superando as fases da desescalada e se relaxan as medidas de confinamento, de forma que, aínda que as áreas de xogo infantís teñan que continuar pechadas de momento, o resto das instalacións poidan estar en óptimas condicións para que a cidadanía as aproveite como lugares de práctica deportiva e esparexemento”, concluíu Santos Ramos.

Audio

 

Noticias relacionadas