Medio Ambiente anuncia que a avaría detectada na rede municipal en Rei don García quedará solucionada este mediodía

Álvaro Santos explica que o uso de equipos especiais para arranxar a tubaxe de fibrocemento fixo imposible iniciar ata hoxe a actuación e lamenta as molestias causadas á veciñanza

Luns, 18 de novembro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Medio Ambiente anuncia que a avaría detectada na rede municipal en Rei don García quedará solucionada este mediodía

Dende primeira hora de hoxe, a brigada de augas traballa na reparación da fuga que se producía o sábado á noite na rúa Rei don García. Tratouse dun rebentón da tubaxe, a altura dos números 41 – 43 que afectou ás vivendas da marxe esquerda da vía, no tramo comprendido entre a Rampla de Claudio López ata Pintor Laxeiro, segundo explica o responsable de área de Medio Ambiente, Álvaro Santos, quen está a realizar un constante seguimento da actuación.

Tras detectarse o problema a última hora do sábado, o operario de garda procedeu a cortar a subministración, pero debido a que as canalizacións son de fibrocemento, os operarios non puideron actuar ata hoxe.

“Tendo en conta que as conducións desta parte da cidade son moi antigas e que o material de construción empregado foi o fibrocemento, esta circunstancia obriga a poñer en marcha un protocolo de actuación específico, motivo que condicionou que houbera que agardar ata hoxe para acometer o arranxo con absolutas garantías de seguridade non só para os técnicos senón tamén para o conxunto da veciñanza”, indica Santos Ramos.

“A brigada municipal de augas conta con equipos especiais para poder manipular axeitadamente esta substancia, un equipamiento dos que non dispoñen tódalas empresas e que resulta imprescindible para minimizar riscos tanto físicos como ambientais. Ese foi o motivo principal polo que se adiou ata hoxe a devandita reparación, a pesar das molestias que puido ocasionar entre os residentes afectados estar sen auga corrente durante o domingo e a madrugada do sábado”, explica Álvaro Santos.

No último ano, o Concello realizou obras de substitución de redes que contiñan fibrocemento en varios puntos da capital como as rúas do Teixo, Ligustro, Frei Plácido Rei Lemos ou Landro, nun esforzo por renovar a rede municipal da cidade.

O concelleiro de Medio Ambiente refire que, noutras ocasións, cando tiveron lugar outras incidencias fóra do horario laboral da brigada municipal, a administración botou man de externalizacións, baixo o procedemento de urxencia. “Con cargo aos novos orzamentos, incluiremos unha partida coa que dar cobertura a un contrato co que poder atallar estas avarías de emerxencia coa fin de dar resposta permanentemente ás necesidades da poboación coa máxima dilixencia”, concluíu o edil quen, primando o servizo á cidadanía, lamentou o contratempo que supuxo para a veciñanza de Rei don García estar sen auga durante estas dúas xornadas.

Audio

  • Alvaro Santos, sobre a avaría na rúa Rei Don García | Descargar mp3

Noticias relacionadas