María Novo avanza que o Concello de Lugo recurrirá a sentencia sobre as Costas do Parque porque "cuestiona a tramitación de todas as licencias a bens protexidos dos últimos 18 anos"

Martes, 22 de setembro de 2009
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Delegada de Urbanismo do Concello de Lugo, María Novo, avanzou hoxe que o Concello de Lugo recurrirá a sentencia emitida pola xuíza en relación coas Costas do Parque porque, entende, “entra a cuestionar a tramitación de todas as licencias que se deron nos últimos 18 anos e as contornas de calquera ben protexido en Lugo” que, como expuxo, “son moitísimas”.

A Delegada de Urbanismo explicou que, aplicando os criterios da sentencia, o 70% das licencias outorgadas na cidade terían que ter autorización da Consellería de Cultura seguindo o criterio xudicial de aplicar a solo urbano unhas proteccións de solo rústico. María Novo indicou que esta lectura é “unha loucura” de cara o futuro e cara atrás, posto que por lei as licencias dos últimos catro ano serían anulables o mesmo que aquelas que afectan ás súas contornas. “Todas elas: as de primeira utilización, cambios de mobiliario urbano, proxectos de urbanización… polo que o Concello considera un exercicio de responsabilidade recurrir a sentencia”, salientou.

María Novo explicou que a sentencia coñecida onte non cuestiona os edificios, “deixa como estaba os volumes edificatorios”, se ben, de ser firme, o que dictaría sería que o proxecto de urbanización tería que ser remitido a Cultura para que o departamento do Executivo galego elixa a solución técnica para o mesmo.

Antecedentes
Na súa intervención, a Delegada de Urbanismo recordou que o Plan co que o Concello traballa é un documento do ano 90 no que a unidade de actuación en cuestión tiña unha edificabilidade moi alta, do 2,5%. Unha edificabilidade que, salientou, coa chegada do Alcalde José López Orozco e tras unha negociación se conseguiu reducir nun 25% renunciando o Concello de Lugo ao 10% da edificabilidade que lle correspondía para evitar consumir o volume que o plan en principio lle outorgaba.

Tendo en conta a situación de partida, explicou María Novo, o Concello so podía “asumir unha indemnización millonaria aos propietarios dos terreos, equivalente ao total do presuposto municipal de varios exercicios, ou aplicar o plan e o que di a lei, que, é polo que se optou”.

Multimedia

Noticias relacionadas