Manuel Núñez visita o arranque das obras da Ronda da Muralla, nas que o Concello inviste 208.000 euros

Estas actuacións de mellora acometeranse en tres fases distintas para poder garantir a mobilidade. As obras estarán sinalizadas con carteis informativos, que ofrecerán aos condutores vías alternativas en 7 puntos diferentes da cidade

Luns, 28 de marzo de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concelleiro de Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, supervisou estes luns o arranque das obras de reparación das canalizacións e asfaltado da Ronda da Muralla, na que o Concello inviste 208.000 euros. Trátase dunhas actuacións de mellora no tramo comprendido entre a rúa San Roque e a Praza Bispo Odoario, que se realizarán en varias fases para poder garantir a mobilidade, tanto de vehículos como de peóns. Deste xeito, estableceranse tres tramos, o primeiro entre a Rúa San Roque e a metade da Praza Asturias, o segundo entre a outra metade da Praza Asturias e a Avenida da Coruña e un terceiro entre a Avenida da Coruña e a Praza Bispo Odoario.

Tal e como deu a coñecer o edil, as obras, que se iniciaron coa súa pertinente sinalización ás 08:00 horas, acométense neste mes para asegurar a mobilidade e a circulación fluída de cara o período estival e de cara a acoller a Volta Ciclista a España. Ao longo das actuacións, que contan cun prazo de execución de dous meses, garantirase ao menos un carril de circulación libre para vehículos na Ronda da Muralla, se ben poderanse realizar cortes puntuais por un período de tempo reducido.

Núñez cualificou estas obras como unhas actuacións importantes para Lugo á vez que complexas, pois as actuais placas de formigón están gretadas, o que provoca afundimentos. Neste senso, o Concelleiro avanzou que se disporá dunha nova capa de formigón, que deberá fraguar durante tres días, para o seu posterior asfaltado, que deberá ser continuo nos tres tramos.

Núñez, quen é consciente das molestias que poden causar as obras aos usuarios, agradeceu a colaboración dos veciños e veciñas e recomendou usar vías alternativas. “Con estas obras melloraremos a principal arteria de comunicación da cidade, a Ronda da Muralla, o que redundará nun incremento da seguridade e na mellora da propia imaxe de Lugo”, subliñou o edil.

Vías alternativas en 7 puntos da cidade

As obras estarán sinalizadas en todo momento con carteis informativos, que ofrecerán aos condutores vías alternativas en 7 puntos diferentes da cidade: na Praza Fonte do Rei -en sentido entrada á cidade-, na rúa Vilalba co Carril dos Loureiros, no inicio da rúa Pintor Corredoira coa Avenida República Arxentina, na glorieta situada entre a Avenida Carlos Azcárraga e a rúa Serra de Meira, na glorieta situada entre a Avenida Duquesa de Lugo, rúa Monforte e rúa Alta, -en sentido entrada da cidade-, na Avenida da Coruña coa rúa Mallorca e na rotonda da Avenida das Américas coa rúa Carlos V  Pimentel, en sentido entrada da cidade.

Seguridade vial e sinalización

En materia de seguridade vial e sinalización circunstancial, as obras de reparación quedarán sempre delimitadas mediante un valo, habilitando pasos a garaxes, podéndose retirar todo aquel mobiliario urbano que afecte á execución da obra. A zona de acopio de material e casetas de obras estarán instaladas na zona de carga e descarga situada na Praza de San Fernando. Ademais, mentres teñan lugar as obras, Urbaser subirá os colectores ás beirarrúas, garantindo un paso mínimo dun metro de ancho. De non ser así, reubicaranse.

Terá prioridade o paso ao tráfico de vehículos pola Ronda da Muralla nos diferentes cruces semafóricos, suprimiranse as zonas de estacionamento no tramo da obras e disporase de operarios sinalistas para regular e garantir a seguridade do tráfico rodado e dos peóns en todo momento.

En canto ás medidas en material de seguridade vial e sinalización por tramos, no tramo 1, mentres se leven a cabo as obras no carril interior da Ronda, manteranse as paradas das liñas de bus. Unha vez comecen os traballos nos carrís exteriores, a parada situada fronte ao inmoble número 25, pasará a en fronte do número 54. Prohibirase ademais a circulación ascendente pola rúa Castelao, desviándose pola rúa Escalinata da Estación, excepto residentes e bus urbano, e farase uso do carril descendente da rúa Castelao como zona de carga e descarga.

No que se refire ao tramo 2, a zona de carga e descarga provisional ubicada entre os inmobles número 2 e número 8 da rúa Castelao, trasladarase ao marxe contrario. Procederase ao corte da rúa Luis Cordeiro na súa intersección coa rúa Miguel de Cervantes, permitíndose o acceso a residentes, servizos e edificio multiusos, así como se permitirá a circulación dende a Ronda cara a rúa Conde e Monforte, se ben impedirase o acceso á Ronda dende dita intersección, desviando o tráfico ascendente da rúa Conde pola rúa Monforte. O tráfico será canalizado dende a Praza de San Fernando polo carril central da Avenida da Coruña ata o inmoble número 20, habilitándose en sentido contrario ao habitual. A parada de bus situada fronte ao inmoble número 2 da Avenida da Coruña, trasladarase ao inmoble número 56.

Por último no tramo 3, cando os traballos afecten aos carrís exteriores, trasladaranse as seguintes paradas de bus urbano: a liña 7A á parada de Praza Fonte dos Ranchos, número 10; as liñas 1, 1A, 2, 3, 3A, 3AE, 4, 5E, 6, 7, 8E, 9, 9A, 9E, 10, 11, 11E, 12, 14 e 14A á parada da Ronda da Muralla número 140, e as liñas 6 e 6E á parada da rúa Ourense número 6.

Prohibirase o acceso á Ronda dende Camiño Real e modificarase a preferencia de paso no cruce da rúa Concepción Arenal con Camiño Real. Tamén se impedirá a saída de vehículos da Ronda á calle peonil rúa da Xesta, permitíndose a saída cara a rúa Concepción Arenal.

Todos estes cambios estarán debidamente sinalizados.

Audio

  • Manuel Núñez, sobre as obras da Ronda da Muralla | Descargar mp3

Noticias relacionadas