Manuel Núñez dirixe Educación e Infraestruturas, Rosana Rielo, Concello e Cidadanía e Fernández suma Deportes

“Mantemos unha estrutura de Goberno operativa e eficaz, ao compatibilizar a distribución das áreas co perfil dos Concelleiros, co que poñemos a súa experiencia e formación ao servizo dos cidadáns”, subliñou o Voceiro

Mércores, 09 de decembro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Xunta de Goberno deu conta este mércores, nunha sesión extraordinaria, do decreto de Alcaldía a través do que se asignan áreas de goberno a Manuel Núñez e Rosana Rielo, que tomaron posesión como Concelleiros no Pleno ordinario de novembro. A distribución leva consigo un cambio na estrutura do Executivo, do que deu conta o Voceiro, Miguel Fernández.

Manuel Núñez dirixirá a área de Educación e Infraestruturas Urbanas. “Cunha dilatada traxectoria no ámbito educativo que o fai perfecto coñecedor das súas demandas e necesidades, Manuel Núñez é o concelleiro ideal para asumir a área de Educación, que leva aparellada Infraestruturas Urbanas, coas mesmas competencias que ata o de agora, esto é: alumeado, abastecemento, saneamento e todas as instalacións e dependencias municipais, así como o Ciclo da Auga”, explicou o Voceiro.

Da área de Concello e Cidadanía ocuparase Rosana Rielo, “unha persoa cunha gran sensibilidade en favor da participación cidadá e da mellora da calidade democrática, que, de feito, puxo en marcha os Orzamentos Participativos no noso concello, os primeiros dunha das 7 grandes cidades galegas”, asegurou Fernández. Esta área, “o centro neurálxico que potenciará a participación e debida relación bidireccional entre veciñanza e Concello e Concello e veciñanza, require dunha visión transversal da Administración, que Rosana Rielo posúe despois de traballar en diversas áreas do Concello o longo dos últimos anos”, engadiu.

Pola súa banda, á area de Medio Rural, o propio voceiro suma Deportes. O seu perfil persoal e profesional, e a súa labor de voceiro do Goberno fan que conte cun amplo coñecemento do tecido asociativo do municipio en xeral e do deportivo en particular.

Deste xeito, “mantemos unha estrutura de Goberno operativa e eficaz, ao compatibilizar a distribución das áreas co perfil dos Concelleiros, co que poñemos a súa experiencia e formación ao servizo dos cidadáns”, indicou.

A Alcaldesa, Lara Méndez, nunhas declaracións ao finalizar a rolda de prensa de presentación da Feira do Nadal organizara pola Asociación de Mulleres Empresarias de Lugo en colaboración co Concello, incidiu en que a restruturación do Goberno responde ao coñecemento das áreas por parte dos Concelleiros en función da súa experiencia, e tendo en conta tamén que non contan con dedicación exclusiva. Manuel Núñez e Rosana Rielo “compaxinarán a súa actividade profesional coa de Concelleiros, e estou segura de que lle dedicarán todo o esforzo, ilusión e gañas para sacar o máximo rendemento ás súas áreas. Son persoas que coñecen moi ben a administración, pois contan cunha dilatada experiencia profesional e como Concelleiros, o que lles permite ter unha visión máis ampla do Concello e dedicar menos horas presenciais”.

Audio

  • Lara Méndez, sobre a asignación das áreas de Goberno|Descargar mp3

Noticias relacionadas