Manuel María viaxa a bordo dos buses urbanos de Lugo

Durante o mes de maio, todos os lucenses e visitantes poderá ler unha selección de #17PoemasDeManuelMaría nos autobuses, en carteis colocados no seu interior, onde tamén estarán dispoñibles dende mañá marcadores de lectura

Mércores, 04 de maio de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Manuel María viaxa a bordo dos buses urbanos de Lugo

O Concello de Lugo vén de colocar nos 22 buses urbanos de Lugo unha selección de #17PoemasDeManuelMaría, en carteis instalados no seu interior, onde tamén estarán dispoñibles dende mañá un total de 17.000 marcadores de lectura que poderán levar os viaxeiros. Os poemas, que estarán colocados durante o mes de maio, tamén se poden observar por todos os recunchos na cidade en 17 mupis. A entidade local realiza estes días ademais unha distribución masiva de 10.000 dípticos co poema que comeza O idioma é a chave coa que abrimos o mundo, dedicada á lingua galega.

#17PoemasDeManuel María enmárcase dentro da programación posta en marcha polo Concello de Lugo para render tributo a Manuel María no ano que se lle dedican as Letras Galegas.

Para a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, distribuír a obra deste poeta, tan vinculado á cidade de Lugo, é unha forma de preservar a súa obra e a memoria deste escritor, que “escribiu os versos máis fermosos que temos na literatura galega”.

Os poemas distribuídos levan por nome Fume, Canción á miña abulia acentuada, Responso desesperado, Bando, Testemuña, Verbas a un irmao, Verbas pró día da miña morte, O carro, Galicia, Os nenos dos casinos, Compre afogar as bágoas, Ollos de nenos, A muiñeira, A fala, A ti che pido amor, Outonecendo e Oda á cidade de Lugo.

Manuel María pervive na memoria de Lugo

O Concello de Lugo ten programadas unha vintena de actividades que se realizarán ao longo de todo o ano, con especial intensidade durante o mes de maio. Mañá xoves, no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL) terá lugar a presentación dun DVD ás 20:00 horas.

O propio Día das Letras Galegas, o Concello ofrecerá un concerto do conxunto vogal Lugh, que actuará polas rúas da cidade a partir das 13:00 horas, así como un recital homenaxe dos poetas da revista Xistral na Casa do Concello, que foi fundada por Manuel María.

En xuño, o día 5, Día do Medio Ambiente, terá lugar unha rota xeoliteraria polos espazos próximos á cidade, dada a gran presenza dos temas medioambientais na obra de Manuel María. Ademais, no Parque da Milagrosa e na rúa que leva o nome do autor, terá lugar un recital dos seus poemas sobre a natureza.

O Día Europeo das Linguas, 26 de setembro, na Casa das Linguas, recital de poemas traducidos a outras linguas.

No mes de outubro, o Concello celebrará o nacemento de Manuel María na Casa do Concello cunha conferencia da man de Darío Xohán Cabana; e dentro das festas do San Froilán, concerto d`A Quenlla, un dos grupos que máis cantaron e cantan a Manuel María. Neste mesmo mes, tamén se presentará unha edición facsimilar dos dous primeiros números da revista Xistral.

Multimedia

  • Manuel María viaxa a bordo dos buses urbanos de Lugo

Noticias relacionadas