Mañá sábado comeza a feira de arte Mercado da Arte, a Arte no Mercado no Mercado Municipal de Quiroga Ballesteros

Entre o sábado 23 e o domingo 31 de maio preto de 40 artistas de diferentes especialidades realizarán obradoiros e venderán as súas obras

Unha das curiosidades é a instalación dunha máquina expendedora de arte a un prezo unitario de 10 euros

Venres, 22 de maio de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, informa que mañá sábado 23 de maio comeza unha nova actividades artística situada no Mercado Municipal de Quiroga Ballesteros, o Mercado da Arte.

Trátase dunha feira de arte para potenciar a cultura, a actividade creativa, e facelo nun entorno que é importante potenciar como é o Mercado e que terá estará instalada ata o día 31 de maio.

A actividade, coordinada por Luz Darriba e na que colabora a Asociación de Monumental Mercado Municipal, reunirá a 39 artistas de diferentes especialidades como son a fotografía, a pintura e a escultura e que realizarán diferentes obradoiros de pintura, gravado, poesía, máscaras e concursos de fotografía. Os artistas intervirán coas súas obras nos diferentes postos e espazos libres do Mercado e instalarase unha máquina da arte, que consiste nunha máquina expendedora de obras de arte orixinais, realizadas polos artistas participantes en diferentes técnicas, ao prezo unitario de dez euros.

Os artistas participantes son Dulce Anca, Maribel Aguilar, Nuria Barrio, Alfredo Bongianni, Quique Bordell, Alfonso Castro, Ana Costas, Luz Darriba, Honorio, Julio Leira Sanmartin, Jose Lemur, Germán Limeres, Federico Lojo, Juan José Lomarti, Ignacio López, Noemí López, Juan Pablo Mastroiani, Quique Muruáis, Estefanía Novo, Alfonso Otero Regal, Renata Otero, Ánxela Pardo, Alejandro Pardo, Cristina Mejías Bamio, Luisa Paz Montenegro, Giovana Pereira, Paco Pestana, Xabier Quijada, Baldo Ramos, Xermán Refojo, Viky Rivadulla, Daniel Sanmartin Anca, Peter Schneider, Isabel Somoza, Fernando Tomé, Eduardo Valiña, Juan Vila, Helena Villar Janeiro e Zalo.

A programación comeza o sábado 23  co día da fotografía e o certame O ollo no Mercado, aberto a todas as idades, a partir das 10.30 da mañá. Os últimos días expoñeranse todas as fotos e o público e o xurado elixiran as imaxes gañadoras, que levarán como premio produtos do mercado e promoción da súa obra. Ademais tamén haberá unha conferencia sobre estética fotográfica a cargo de Peter Schneider.

O luns 25 é o día adicado á danza e inaugurarase coa performance Mercarte a cargo de Ánxela Pardo. Ese mesmo día a partir das 19 horas será a apertura oficial cunha exposición das obras dos artistas participantes e un obradoiro de gravado a cargo de Isabel somoza, Xermán Refojo e Honorio.

O martes 26 a partir das 19.30 horas comezará a mesa redonda A arte en crise  e o mércores 27 celebrarase un obradoiro de máscaras con materiais reciclados do propio Mercado entre as 16 e as 18 e as 19 e 21 horas. Tamén terá lugar a performance Á procura do animal interior a cargo de Ánxela Pardo.

O día adicado ao gravado é o xoves 28 de maio con obradoiros a cargo de Luisa Paz Montenegro e dirixido a todos os públicos en horario de 11 a 13 horas, de 16 a 18 horas e de 19 a 21 horas e actuación do grupo A volta do agro.

Mancharte é un obradoiro de pintura para todas as idades a cargo de Juan Pablo Mastroianni que se realizará o venres 29 de maio de 11 a 13, de 16 a 18 e de 19 a 21 horas.

Xa o sábado 30 de maio será o día da Poesía e do Teatro con obradorios de poesía visual para todos os públicos a cargo de Luz Darriba en horario de 11 a 13, e de 16 a 18 horas. Ademais tamén haberá unha actuación do grupo Pinchacarneiro coa obra Os perseguidores de soños ás 12 horas da mañá. A continuación presentarase o espectáculo Témolas frescas! de Chiruca e Paul Baker.

Finalmente, a mostra remata o día 31 adicado á música e coa sesión de DJ de Jose Lemur ao longo de todo o día, e entregaranse os premios aos gañadores do certame de fotografía O ollo posto no mercado.

Noticias relacionadas