Mañá remata o prazo para solicitar as axudas ó alugueiro que concede o Concello de Lugo

Xoves, 04 de setembro de 2014
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concellería de Benestar Social e Igualdade, que dirixe Ana González Abelleira, lembra que mañá rematará o prazo de solicitude das subvencións que concede o Concello de Lugo para alugamento de vivendas. As solicitudes poden presentarse ata este venres inclusive no Rexistro da Empresa Municipal de Vivenda e Solo de Lugo (EVISLUSA), na rúa Quiroga Ballesteros, ou no Rexistro Xeral do Concello.

O obxecto destas axudas que concede cada ano o Concello de Lugo é financiar parcialmente o alugamento de vivenda destinada a domicilio habitual das persoas coa finalidade de facilitarlle o acceso á unha vivenda digna. Na concesión destas achegas económicas terán preferencia as persoas que sexan obxecto dun desafiuzamento, familias monoparentais, persoas discapacitadas, mulleres vítimas de violencia de xénero e desempregados.

A subvención concédese por un período inicial de 12 meses, prorrogable ata un máximo de doce meses máis, e cubren ata un máximo do 50% dos alugueres que non superen os 350 euros mensuais. O Concello dispón para esta segunda convocatoria unha cantidade inicial de 150.000 euros, que se suma á consignada para a prórroga do ano anterior por importe de 206.108 euros.

Nos últimos anos, a demanda destas axudas económicas aumentou considerablemente. Por esta razón, o Concello de Lugo reforzou a dotación económica co fin de atender o aumento de solicitudes e incrementou o orzamento dirixido a esta finalidade. Así, no ano 2008 o orzamento consignado era de 90.000 euros e o número de beneficiarios foi de 63, pero os datos do 2013 reflicten unhas cifras moito máis elevadas, xa que a cantidade consignada chegou a 299.000 euros e o número de beneficiarios foi de 135 unidades familiares.

O prazo para solicitar as subvencións municipias para o alugueiro está aberto dende o día 7 de agosto, logo da publicación das bases desta convocatoria no Boletín Oficial da Provincia e no Diario Oficial de Galicia.

Noticias relacionadas