Mañá remata o prazo para emendar a documentación requirida ás empresas e asociacións solicitantes do (Con) trato feito!

Os interesados poden entregar dita documentación no Rexistro do Concello ata as 14:00 horas. Máis información no 982-297-468 e en contratofeito@concellodelugo.org

Xoves, 24 de novembro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Mañá venres, 25 de novembro, remata o prazo para emendar a documentación que lle foi requirida ás empresas e asociacións solicitantes do primeiro plan de emprego 100% municipal, (Con) trato feito!. Os interesados poden entregar dita documentación no Rexistro Xeral do Concello, na Ronda da Muralla, 197, ata as 14:00 horas.

A documentación requirida, ben por non estar presentada ou por ser incompleta, pódese consultar na páxina web do Concello, www.lugo.gal, o Servizo de Información Municipal 010 e o taboleiro de anuncios da institución. Para máis información, pódese chamar ao 982-297-468 ou enviar un correo electrónico a contratofeito@concellodelugo.org

Así, unha vez cotexada a documentación, resolverase de xeito definitivo antes do 31 de decembro, e iniciarase o proceso de selección dos desempregadas e desempregados. Cómpre lembrar que foron máis de 150 empresas e asociacións sen ánimo de lucro as que solicitaron ser beneficiarias deste plan. Ante esta demanda, o Concello reforzou este mes a área de emprego coa incorporación dun técnico, tras ser declarado o servizo como esencial.

Todas as empresas (liña A) e entidades sen ánimo de lucro (liña B) teñen máis información no teléfono 982-297-468 e no mail contratofeito@concellodelugo.org. Tras a valoración da documentación, seleccionaranse as beneficiarias deste plan, e logo arrincará o proceso de selección dos desempregados. As entidades deberán asinar coa traballadora ou traballador un contrato inicial en calquera das modalidades previstas legalmente, por un período mínimo de 12 meses, en xornada laboral a tempo completo ou a media xornada.

(Con) trato feito! está dotado de 1.150.000 euros e contempla dúas liñas de axudas, unha destinada para empresas, dotada con 920.000 euros, e outra para entidades sen ánimo de lucro, duns 230.000 euros. Para a primeira as liñas serán subvencionables o 70% dos custos salariais e para a segunda, o 100%. Crearanse ao redor dun cento de empregos.

A selección de empresas ou entidades será en concorrencia competitiva e atenderá a criterios sociais, como favorecer a conciliación familiar, ofertar ao contratado bolsas de estudo, plan de pensións ou seguros médicos, así como amparar a contratación de colectivos desfavorecidos, como parados de longa duración, mulleres ou maiores de 50 anos.

Audio

Noticias relacionadas