Mañá ábrese o prazo para que os hosteleiros interesados se poidan apuntar no X Concurso de Tapas de Lugo

Mércores, 09 de xullo de 2014
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Mañá xoves 10 de xullo ábrese o prazo de inscrición para aqueles hosteleiros interesados en participar na décima edición do Concurso de Tapas de Lugo. Esta actividade que se desenvolverá entre os dias 12 e 30 de setembro está patrocinada polo Concello de Lugo e organizada pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería de Lugo.

O prazo para que os hosteleiros poidan anotarse rematará o vindeiro 24 de xullo e para elo é necesario presentar a ficha técnica da tapa, a ficha de inscrición, o xustificante de pago e a fotografía da tapa.

Na competición poderán concorrer todos os establecementos de hostalería do Concello de Lugo que estean inscritos no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (REAT). O prezo de inscrición é de 100 euros para locais pertencentes á Apehl (que sexan socios con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2014 e que estean ao día no pagamento das cotas) e de 300 euros para o resto. Este diñeiro irá destinado integramente á organización e á promoción do concurso.

As características mínimas admisibles para a fotografía serán un tamaño de 210 x 150 mm e unha resolución de 300 puntos por polgada. Os establecementos que así o soliciten terán á súa disposición un fotógrafo, sempre que llo comuniquen á organización antes do 18 de xullo. As fotos realizaranse os días 21, 22, 23 e 24 de xullo e concertarase día e hora para cada solicitante.

O prezo de venda das tapas oscilará entre un e tres euros, a criterio do hostaleiro, e deberán estar dispoñibles para o público nun horario mínimo de 13.00 a 15.30 horas e de 20.00 a 22.30 horas.

O día 1 de outubro, ás 10.00 horas, procederase ao reconto de votos, mediante o cal se determinarán os 10 finalistas e o gañador do concurso, que será o máis votado polo xurado popular.

Noticias relacionadas