Maite Ferreiro presenta os concertos da praza do Camiño Primitivo

A edil de Cultura lembrou que “asistir ás actividades culturais do San Froilán será seguro, o sector cultural precisa do apoio de todas e todos”

Os concertos comezarán ás 21h, de maneira simultánea, en todas as prazas

Venres, 25 de setembro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Maite Ferreiro presenta os concertos da praza do Camiño Primitivo

A edil de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, anunciou os concertos que, enmarcados na semana de actividades culturais do San Froilán, terán lugar no escenario da praza do Camiño Primitivo. Maite Ferreiro lembrou que “nesta semana vimos como o sector da Cultura se declarou en alerta debido ás consecuencias da crise sanitara”. “Desde a área de Cultura quixemos apoiar ao tecido cultural lucense nesta situación e dar a coñecer entre toda a veciñanza a gran calidade da nosa música”, explicou a edil de Cultura.

A praza do Camiño Primitivo, en Fontiñas, contará o 4 de outubro coa música electrónica do rural galego da man de Mounqup. O luns 5, os lucenses Picurruchos amenizarán a sesión de mañá a partir das 13 horas. Para a sesión da tardiña, a área de Cultura mostrará a mestura de folk galego e irlandés con blues de Zeltia. O martes 6 comezará a quenda dos grupos lucenses con Patuk Band, que darán o relevo o mércores 7 a West Side Bones e continuará con Jorobados del Miño. O venres 9 a sesión comezará ás 19 horas coa mostra de música electrónica Sanfroidance, e os grupos locais volverán para a recta final da semana de eventos culturais con Zuma o sábado 10, Queen Pro Quo na sesión de mañá do domingo 11 e Old Grads na do luns 12, ambas a partir das 13 horas. O folk de Caamaño & Ameixeiras amenizará a tardiña do sábado 10 e a arpa de Angélica Salvi visitará Lugo o domingo 11. Para o peche da semana cultural, para o luns 12, a área de Cultura confiou na violonchelista viguesa Margarida Mariño para dar peche ás actividades culturais do San Froilán.

Para o acceso aos concertos deberán cumprirse os protocolos establecidos polas autoridades sanitarias. Todos os recintos estarán valados e para acceder ao concerto será preciso reservar entrada previamente no portal entradaslugo.es. As cadeiras estarán separadas 1,5 metros en tódalas direccións e haberá dispensadores de xel hidroalcohólico.

 Audio

  • A edil de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, sobre os concertos, na Praza do Camiño Primitivo | Descargar mp3

Multimedia

  • Maite Ferreiro presenta os concertos da praza do Camiño Primitivo