Maite Ferreiro presenta a 18 edición da Semana Internacional da Maxia de Lugo

Maite Ferreiro: “quixemos levar as actividades ás rúas, organizando varios pases para que toda a veciñanza poida accedera os espectáculos”

O Mago Rafa e o Mago Teto participaron na presentación do LugoMáxico 2021, que terá lugar entre o 24 e o 29 de maio

Mércores, 19 de maio de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua presentou, xunto co Mago Rafa e o Mago Teto, a 18 edición da Semana Internacional da Maxia de Lugo, que este ano terá lugar entre o 24 e o 29 de maio. “Continuamos apostando polas propostas culturais seguras, dando continuidade a un dose ventos máis importantes no calendario cultural de Lugo”, declarou Maite Ferreiro.

Catro espazos da cidade acollerán un total de 36 actuacións para público familiar, das cales 34 serán de balde e só 2 de pago. As actividades terán lugar no Auditorio Municipal, no MIHL, no Vello Cárcere e na Canella do Hospital. Maite Ferreiro destacou que "este Lugomáxico terá presenza nos espazos culturais máis coñecidos como o MIHL, o Vello Cárcere ou o auditorio municipal, ademais contamos este ano como novidade coa Canella do Hospital, un espazo moi útil para as actividades culturais".

O LugoMáxico 2021 comezará coa Gala Máxica Galega, unha gala con catro magos galegos de catro estilos diferentes fusionados nun só espectáculo para toda a familia. A Gala Máxica Galega será o vindeiro luns, 24 de maio ás 18 horas, no auditorio Gustavo Freire.

Entre o martes 25 e o venres 28, cada unha das ubicacións contará con tres pases (17:00, 18:30 e 20:00) do espectáculo de cada un dos magos convidados, coa seguinte distribución:

Martes 25

  • Vello Cárcere - Xulio Merino
  • MIHL – Alejandro Revuelta
  • Canella do Hospital – Mago Paco

Mércores 26

  • Vello Cárcere – Javi Rufo
  • MIHL – Dania Díaz
  • Canella do Hospital – Iván Santacruz

Xoves 27

  • Vello Cárcere – Pedro Aragonés
  • MIHL – Greca
  • Canella do Hospital – Oliver & Liuba

Venres 28

  • Vello Cárcere - Martilda
  • MIHL – Oscar Escarlante
  • Canella do Hospital – Nando Caneca

A gala final do LugoMáxico 2021 terá lugar o sábado 29, ás 20 horas no Gustavo Freire, co espectáculo 100% Daortiz, de Dani Daortiz, un espectáculo que mestura unha técnica exquisita cun sentido do humor tolo. Daortiz é considerado na actualidade un dos mellores cartomagos do mundo. Aos 12 anos visitou o círculo máxico de Sevilla e descubriu a maxia da man de Mario o Mago, despois comezou a aprender doutros grandes artistas como Juan Escolano, Lennart Green ou Juan Tamariz, que influíron na súa forma de presentar e concebir a súa maxia.

Todas as actividades do Vello Cárcere, do MIHL e da Canella do Hospital serán de entrada gratuíta ata completar a cabida do recinto. As dúas galas terán un prezo de entrada de 5€.

Audio

  • A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, sobre o LugoMáxico 2021 | Descargar mp3

Noticias relacionadas