Maite Ferreiro mantivo xuntanzas con profesionais do sector turístico en Fitur

A concelleira de Cultura explicou que “buscamos coñecer proxectos novidosos e atraer turismo a Lugo”

Ferreiro reuniuse, xunto co Presidente da APEHL, Cheché Real, co Presidente de Hostelería de España, José Luís Yzuel

Sábado, 22 de xaneiro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Maite Ferreiro mantivo xuntanzas con profesionais do sector turístico en Fitur

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, mantivo xuntanzas con distintos profesionais do sector turístico na Feira Internacional de Turismo Fitur, en Madrid. A concelleira de Cultura explicou que “ademais de promocionar a imaxe de Lugo e a campaña Lugo Km 100, quixemos aproveitar Fitur para coñecer proxectos novidosos que permitan atraer turismo a Lugo”.

A concelleira mantivo un encontro co Presidente de Hostelería de España, José Luís Yzuel, no que estivo acompañada por Cheché Real, presidente da APEHL. Ferreiro destacou a importancia do sector da hostalería e da restauración en Lugo, e afirmou que “o turismo gastronómico, xunto co cultural e o patrimonial integran os grandes atractivos de Lugo, e traballamos xunto coas distintas asociacións implicadas para continuar a promocionar estes aspectos da cidade”.

Maite Ferreiro mantivo xuntanzas tamén con empresas adicadas a iniciativas tecnolóxicas aplicables ao turismo patrimonial e con creadores de novas iniciativas turísticas “para coñecer proxectos novidosos que se poidan aplicar en Lugo”

A campaña Lugo Km 100 foi presentada na edición 2020 de Fitur, como unha aposta para poñer en valor a cidade de Lugo e o seu patrimonio histórico e cultural. A campaña está acompañada de diversas accións realizadas polas distintas áreas da Tenencia de Alcaldía para promocionar Lugo como punto de partida do Camiño Primitivo cumprindo cos 100 Km mínimos que se requiren para obter a Compostela.

Durante o 2021, entre as actuacións realizadas destaca a colocación das letras Lugo Km 100 na entrada a Lugo polo camiño primitivo, "unha acción que mellorou a imaxe da entrada a Lugo e está a funcionar como elemento de promoción turística a nivel internacional, especialmente destacable no ano Xacobeo".

Multimedia

  • Maite Ferreiro mantivo xuntanzas con profesionais do sector turístico en Fitur

Noticias relacionadas