Maite Ferreiro: “coa convocatoria da praza de dirección consolídanse a Banda Municipal e a Escola de Música”

“Será por oposición libre e a persoa que acade a praza asumirá a xefatura do servizo da Banda e da Escola Municipal de Música” informou Maite Ferreiro

As persoas que desexen presentarse teñen un prazo de vinte días hábiles dende a súa publicación no BOE

Mércores, 05 de febreiro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Maite Ferreiro: “coa convocatoria da praza de dirección  consolídanse a Banda Municipal e a Escola de Música”

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, anunciou a publicación o pasado martes das bases específicas que rexerán o proceso selectivo para o acceso á praza de Dirección da Banda de Música Municipal. “Será por oposición libre e a persoa que acade a praza asumirá a xefatura do servizo da Banda e da Escola Municipal de Música” informou Maite Ferreiro que sinalou “así darase cobertura á dirección da banda de música que está vacante dende a xubilación do anterior director en setembro de 2016, e permitirá consolidar a Banda Municipal e a Escola de Música”.

As bases inclúen os requisitos para optar á praza, o temario, e a tipoloxía das probas á que deberán someterse as persoas aspirantes. A praza a cubrir é do grupo A1 e as persoas que se presenten deberán acreditar, entre outras, a titulación superior de música na especialidade de dirección de orquestra. As persoas interesadas terán un prazo de 20 días hábiles dende a publicación da convocatoria no BOE. As probas constarán dun exercicio teórico e dunha proba práctica na que as persoas aspirantes terán que instrumentar unha obra, facer unha análise completa dunha partitura e dirixir un ensaio da banda con dúas obras musicais. Segundo informou Maite Ferreiro, “o temario consta de 72 temas e unha vez resolto o proceso selectivo para a cobertura definitiva da praza crearase unha lista de agarda coas persoas que superarán a proba selectiva”.

Maite Ferreiro sinalou a importancia de cubrir o posto de dirección da Banda. “Lugo non pode permitirse o luxo de ter unha banda, con máis de 140 anos de historia, sen ensaiar e sen tocar por falta de dirección”, declarou Maite Ferreiro, que agradeceu “a implicación das integrantes da Banda Municipal durante estes meses, para manter vivo un servizo ás veciñas e veciños de Lugo a pesares de todas as dificultades”.

Audio

  • A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, sobre a Banda e a Escola Municipal de Música | Descargar mp3

Noticias relacionadas