Máis música e máis cultura no Vello Cárcere co segundo ciclo de Liberdades Sonoras, que contempla tres concertos

Carmen Basadre presentou a programación, que arrinca este sábado, a partir das 20:30 horas coa pianista Marina Herlop. Continuará o 16 de febreiro e o 23 de marzo, á mesma hora, con Sun Araw e Josephine Foster, respectivamente

Estas actuacións musicais súmanse a outras que ofrece o Concello a través doutro ciclo, o de Músicas Mesturadas, que tamén se celebra no Vello Cárcere, ata o mes de xuño

Xoves, 17 de xaneiro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Máis música e máis cultura no Vello Cárcere co segundo ciclo de Liberdades Sonoras, que contempla tres concertos

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, presentou este xoves, na Sala de Usos Múltiples do Edificio de Novas Tecnoloxías, o segundo ciclo de actuacións musicais Liberdades Sonoras, unha iniciativa lúdico-cultural que na pasada edición desbordou o patio do Vello Cárcere. O escenario volve ser o mesmo, este centro sociocultural, e arrincará este sábado, 19 de xaneiro, continuando o 16 de febreiro e o 23 de marzo. Todos os espectáculos musicais serán a partir das 20:30 horas e a entrada é libre, ata completar cabida. As portas abriranse ás 20:00 horas.

Na presentación, a edil fixo fincapé nesta programación, destinada a amosarlle aos lugueses e luguesas, e a todas as persoas visitantes, diversas formas artísticas ao redor da exploración e do descubrimento. Estas actuacións musicais súmanse a outras que organiza e ofrece o Concello a través doutro ciclo, o de Músicas Mesturadas, que tamén se celebra no Vello Cárcere, ata o mes de xuño.

Para a primeira data, está confirmada a pinaista de formación clásica pero vocación experimental Marina Herlop. En contacto coa música dende os 9 anos, a relación de Herlop co piano segue o patrón de amor-odio-amor habitual que podemos ver noutros músicos do seu nivel. Logo de deixar os estudos aos 13 anos, reemprendeu as clases aos 20 anos, e iso levouna a acceder ao Conservatorio Profesional de Música de Badalona, onde finaliza o Grado Profesional en xuño de 2017. Foi en 2015 cando Marina comezou a compoñer a súa propia música sen un propósito claro. Nanook (Instrumental, 2016) foi a súa primeira tentativa como compositora. Cando tivo suficientes cancións para facer un álbum, tivo a oportunidade de gravalas xunto ao excepcional Adri González na produción, gravación e mastering.

Este disco é a súa primeira afirmación significativa como músico. Marina Herlop, inmersa nun diálogo constante coa súa propia necesidade de crecemento, asina un traballo que desmonta teorías e esnaquiza os límites da súa proposta. Á súa peculiar forma de compoñer ao piano, súmanse agora capas de electrónica brillante, sintetizadores que espertan sensacións adormentadas e todo iso fiado por unha voz única, luminosa, e que se presenta en Babasha máis atrevida e arriscada que nunca. O disco foi gravado, mesturado e producido por Borja Ruiz nos seus estudos en Oviedo, e masterizado por Mandy Parnell (gañadora dun Grammy e que traballou con Björk, Aphex Twin, Depeche Mode...) e Martin Korth en Blacksaloon Studios (Londres, UK).

As actuacións de febreiro e marzo

En febreiro será a quenda de Sun Araw, cuxa música hipnotiza tanto gravada como en directo: un cúmulo de ecos, samples, voces, e notas de guitarra expansivas que transmiten un estado mental delirante e pracenteiro.

O seu primeiro álbum como Sun Araw, The Phynx (2008), supuxo un antes e un despois en Not Not Fun, un dos selos que mellor expuxo as correntes experimentais norteamericanas dos últimos 20 anos. Outros selos consagrados como RVNG Intl. involucráronse na carreira do artista, promovendo experiencias como a colaboración en Xamaica entre o texano, M. Geddes Gengras e The Congos: dúas formas de aproximarse ao culto ao son e as baixas frecuencias sobre un escenario.

O ciclo pecharao, en marzo, Josephine Foster, que leva preto de dúas décadas definíndose como unha das voces máis carismáticas do folk estadounidense. O seu amplo espectro de influencias, os matices instrumentais que foi incorporando á súa música e a súa habilidade para transcender o arquetipo do cantautor acústico convértena nunha artista sen comparacións.

Activa desde fai case dúas décadas, a cantante orixinaria de Colorado aspiraba á ópera e comezou a compoñer as súas propias pezas mentres actuaba en vodas e funerais. Ao longo dunha traxectoria regular e con poucas intermitencias, o seu discurso foi gañando en riqueza musical e conceptual e afianzándose como un universo en si mesmo.

O seu folk tenue e íntimo fainos pensar en Vashti Bunyan, Patti Smith ou a contemporánea Julia Holter. Foster é o perfecto exemplo dunha idea en perigo de extinción: continuar cunha tradición sen pervertirla e á súa vez ir incorporando novas ideas en cada novo traballo.

O seu último disco, Faithful Fairy Harmony, publicado en novembro de 2016, amplía a lista de recursos instrumentais que acompañan á súa voz, a gran protagonista. Así, guitarra, piano, órgano, arpa e autoarpa dan a dimensión necesaria ás letras de Foster, quen ademais produce de forma autónoma o total do álbum. Acompáñana Victor Ferreiro (guitarra), Gyða Valtý sdóttir (cello), Chris Scruggs (pedal steel) e Jon Lestes (baixo).

Audio

  • Carmen Basadre, sobre o segundo ciclo de Liberdades Sonoras | Descargar mp3

Multimedia

  • Máis música e máis cultura no Vello Cárcere co segundo ciclo de Liberdades Sonoras, que contempla tres concertos
  • Máis música e máis cultura no Vello Cárcere co segundo ciclo de Liberdades Sonoras, que contempla tres concertos

Noticias relacionadas