Máis do 90% das incidencias comunicadas a través de Liña Verde foron solucionadas

Daniel Piñeiro agradeceu a participación dos lucenses a través deste servizo, o que demostra o seu interese polo noso municipio e “por facer cidade entre todos”

Venres, 01 de abril de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Máis do 90% das incidencias comunicadas a través do servizo Liña Verde, que emprega as novas tecnoloxías para a resolución de consultas medioambientias e a comunicación de calquera tipo de incidencias no equipamento urbán do municipio, foron solucionadas polo Concello dende a súa posta en marcha, no ano 2013. Así o anunciou o Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, quen deu conta da tipoloxía das comunicacións recibidas, que maioritariamente se refiren a parques e xardíns, recollida de lixo, limpeza e sumidoiros.

O Concelleiro mostrouse satisfeito dos resultados obtidos ata a data de hoxe e agradeceu a participación dos lucenses, o que demostra o seu interese polo noso municipio e “por facer cidade entre todos”.

Liña Verde é unha ferramenta que a entidade local ten posto á disposición da cidadanía para difundir as boas prácticas ambientais e para fomentar a participación cidadá. Neste senso, Piñeiro aproveitou a ocasión para convidar a todos os lugueses a descargar a APP de Liña Verde e “implicarse no coidado da nosa cidade e dos equipamentos públicos”.

Este servizo tamén está dispoñible a través da páxina web www.lineaverdelugo.com e pode accederse a el a través da web do Concello www.lugo.gal. Neste dominio, o usuario poderá facer consultas en materia de medio ambiente e tamén atopar unha ampla información sobre guía de boas prácticas, consellos ambientais e de aforro enerxético, reciclaxe, lexislación e recursos de educación ambiental, entre outros.

Noticias relacionadas