Máis do 57% dos participantes de Lugo, cidade próxima atoparon emprego

Luns, 12 de novembro de 2007
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e a Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, fixeron entrega dos diplomas que acreditan a superación dos itinerarios formativos que conforman o programa Lugo, cidade próxima.

Dos 281 solicitantes do proxecto, foron seleccionados 160 que se axustaban ós criterios de selección previamente establecidos. Deles, remataron o proxecto con éxito, e polo tanto obtiveron o diploma acreditativo, o 75.62% o que equivale a 121 persoas.

Na actualidade, o 57.02% das persoas participantes no programa, están traballando dende que remataron o proceso formativo. Son un total de 69 persoas das que 62 son mulleres, 9 teñen contrato indefinido, 22 de obra e servizo e 38 contrato de traballo temporal de duración determinada.

En canto ás idades de persoas empregadas o rango situase entre os 26 e os 45 anos, onde se lograron 37 insercións, seguidos do rango correspondente ás idades comprendidas entre os 16 e os 25 anos onde atoparon emprego arredor de 19 persoas.

Polo tanto, o perfil prototipo da persoa que obtén traballo logo de formar parte de Lugo, cidade próxima, é o dunha muller de entre 26 e 45 anos, contratada a xornada completa de forma temporal.

A Concellería de Emprego ofrece apoio do persoal técnico da Escola para o Emprego mediante a elaboración do curriculum, a preparación de entrevistas de traballo, a busca de empresas de interese, etc.

A principios do ano 2008 está previsto que este centro se traslade ás instalacións do CEI-NODUS, onde continuará o traballo para conseguir que todos os participantes neste programa atopen un emprego axeitado ós seus coñecementos.

Lugo, cidade próxima
O prazo de execución do proxeto -remataba en xullo de 2007- ampliouse ata mediados de maio de 2008 coa proposta de 3 novas accións, para a formación de 45 novos e novas beneficiarias que permitan dar resposta ás demandas existentes nos sectores da xardinería e do traballo forestal. Outro aspecto que se considerará é a posibilidade de que poidan presentarse ás convocatorias anuais da Consellería de Traballo da Xunta de Galicia para a obtención do certificado de profesionalidade correspondente.

Lugo, cidade próxima, é un proxecto de inserción sociolaboral que o Concello de Lugo está a desenvolver dende xaneiro do 2006. Conta cun total de 5.600 horas de formación coa única finalidade de mellorar a posibilidade de inserción daquelas persoas que, por algún motivo, non lograron a súa inserción laboral.

Está incluído dentro dos Programas operativos para o fomento do emprego e foi subvencionado polo Fondo Social Europeo, a través do Ministerio de Administracións Públicas. O importe total do proxecto é de 1.545.960,44 euros, dos cales o o Fondo Social subvenciona o 70%.

Os obxectivos deste programa son: a reducción do desemprego, especialmente entre os colectivos máis afectados; a integración sociolaboral de colectivos con problemáticas particulares e en risco de exclusión social; a mellora na calidade de vida da cidadanía lucense; a atención e apoio ós grupos con especiais necesidades asistenciais; o apoio local ós procesos socioeconómcios; o desenvolvemento do tecido empresarial e da actividade económica, e a potenciación da economía sociolocal.

Noticias relacionadas