Máis de medio cento de veciños de Lugo viaxan a Burela co Km0

Martes, 13 de xullo de 2010
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Benestar Social, Carmen Basadre, e o Presidente da Deputación Provincial, José Ramón Besteiro, recibiron este martes a un grupo de veciños de Lugo participantes nunha excursión do Km0. Son 55 veciños de Lugo, que viaxaron hoxe ata o porto de Burela. No municipio mariñano, coñeceron o ambiente pesqueiro que se vive na lonxa e como traballan as redes as mulleres burelesas.

Este grupo que participa en actividades organizadas pola Concellería de Benestar Social participa nas excursións do Km0 que esta semana ten programadas 6 rutas pola provincia nas que participarán máis de 250 persoas de Lugo, Sarria e O Páramo.

Ademais dos veciños de Lugo, o Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, tamén recibiu este martes no Pazo de San Marcos a un grupo de 48 persoas da Asociación de Veciños Terras de San Vicente do Páramo que elixiron viaxar á Ribeira Sacra, onde coñeceron a Igrexa de Proendos, os petroglifos e a adega Algueira, onde degustaron o viño que se produce nas ladeiras do río Sil.

O mércores, a modalidade Xtreme do programa medioambiental tamén será protagonista, xa que 24 integrantes da Concellería de Xuventude de Lugo redescubrirán a provincia a través do deporte e da multiaventura. Concretamente, farán a ruta “Móllate” que inclúe vela latina, catamarán, kayak e esquí acuático o seu paso pola ría da vila.

Deporte e multiaventura

Finalmente, o xoves, 55 veciños de Sarria farán unha travesía en barco pola ría de Ribadeo. Tamén coñecerán o convento de Clarisas e o casco histórico da vila. Asimesmo, 24 membros da Asociación luguesa “Lostregos Lucus” realizarán tiro con arco nas Insuas do Miño, dentro da modalidade Xtreme, e farán unha visita guiada polo Centro de Interpretación do río Miño.

Multimedia

Noticias relacionadas