Máis de douscentos rapaces que participan nas Ociotecas e Aulas Abertas coñecerán a historia da Muralla dentro do programa Lugo10

Mércores, 18 de agosto de 2010
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O obradoiro “Muralla Lugo10 ti recordas, eu aprendo”, que leva en funcionamento dende o 17 de xullo e que se prolongará ata o 3 de setembro, levará este xoves 19 e venres 20 de agosto ós nenos e nenas que están a participar durante este verán nas Aulas Abertas e Ociotecas de Lugo a coñecer máis de preto a Muralla lucense.

Mediante diversas actividades, os rapaces e rapazas coñecen a historia e a cultura da Muralla romana a través de contacontos, de recreacións da vida dos primeiros poboadores, así como a elaboración de vestiario e decorado, e a participación en obradoiros de arte a partires de material reciclado.

O xoves, os rapaces de Fingoi, do Uxío Novoneyra e do Centro da Milagrosa, que están a participar nas Aulas Abertas, chegarán nos autobuses de Monbus, empresa patrocinadora de Lugo10, ata o tramo peonil da Ronda da Muralla. Dende alí, e acompañados por monitores, visitarán o Centro de Interpretación da Muralla, situado na Praza do Campo. Alí, os nenos e nenas poderán coñecer o pasado romano de Lugo a través dunha exposición permanente e de varios vídeos explicativos sobre a historia da cidade. Despois, os rapaces farán unha pequena excursión pola Muralla. As 12,30 horas terán un contacontos no que os rapaces aprenderán a historia do nacemento da Muralla Romana. Alí, contarán coa presenza da Concelleira de Benestar Social e Igualdade, Carmen Basadre. O venres, será o turno dos rapaces que participan nas actividades das ociotecas nos centros do Uxío Novoneyra, Maruja Mallo e o Centro da Milagrosa, que farán o mesmo percorrido.

O programa Lugo10 continúa

O programa Lugo10 nace para conmemorar o Décimo Aniversario da Declaración da Muralla de Lugo como Patrimonio Mundial. Un proxecto integramente financiado por patrocinadores e colaboradores que oferta a cidadanía un amplo programa de actividades e actos nas rúas, centros municipais ou prazas e que ten como protagonista a Muralla, o pasado romano da cidade e o Camiño de Santiago no seu paso por Lugo.

Durante o período estival, uns 440 nenos e nenas participaron nas diversas actividades programadas nas Ociotecas e Aulas Abertas dende a Concellería de Benestar Social e Igualdade, que dirixe Carmen Basadre, e que se están a celebrar nos Centros de Convivencia de A Milagrosa, Lamas de Prado, Fingoi, Uxío Novoneyra e Sagrado Corazón.

- www.lugo10.es

- Obradoiro "Ti recordas, eu aprendo" (descargar PDF 811 KB)

- Programación verán 2010 (descargar PDF 3,06 MB)

Noticias relacionadas