Máis de 8.000 lucenses se beneficiaron das novas medidas de pago implantadas pola Concellería de Economía

Mércores, 02 de xullo de 2008
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, presentou o balance da implantación das novas medidas para o pago de impostos municipais que teñen como obxectivo permitir máis facilidades e comodidades no pago, así como unha total transparencia na xestión.

Sonia Méndez recordou que o pasado 20 de abril a Concellería de Economía que dirixe, puxo en marcha unha serie de medidas encamiñadas a dar máis garantías aos contribuíntes lucenses e mellorar os medios de pago coa administración local cumprindo os principios de transparencia e de claridade.

Neste primeiro trimestre, 7.814 contribuíntes fixeron uso destes novos instrumentos de pago, cuns resultados moi satisfactorios.

Unha das primeiras modificacións postas en marcha foi a ampliación das entidades colaboradoras no pagamento. A sinatura dun convenio con Caixanova permitiu a ampliación do número de entidades e desta novidade beneficiáronse 4.046 contribuíntes.

Outra das medidas postas en marcha foi a do pagamento online a través dunha pasarela de pago con Caixa Galicia e Caixanova. Este medio, un dos máis valorados polos contribuíntes nunha recente enquisa feita na web municipal, foi empregado por 415 contribuíntes.

A domiciliación de recibos, que este ano se cargaba nos 15 últimos días do período de pago voluntario, tivo un incremento de 3.244 domiciliacións. Outras medidas como o pago a través de caixeiros -que permite pago en domingos e festivos- contou con 88 contribuíntes, e o pago mediante tarxeta, con 21.

A responsable de Economía suliñou que "os lucenses somos bos pagadores, dentro do período de pago voluntario, e mantemos unhas porcentaxes de pago similares ás de anos anteriores".

Sonia Méndez agradeceu o esforzo realizado polos funcionarios de cada un dos servizos da área de Economía que puxeron en marcha estas medidas "seguindo a  encomenda feita polo Alcalde de modernizar o servizo de Facenda Local sempre co obxectivo de dar máis dereitos aos contribuíntes"

Datos do primeiro trimestre
Seguindo a tónica habitual no Concello de Lugo, Sonia Méndez destacou que os datos de cobro de impostos son moi similares aos de anos anteriores.

No primeiro trimestre para a recollida de lixo e auga, emitíronse 53.482 recibos cun importe total de 3.363.934 euros. Ao finalizar o prazo de pago voluntario a porcentaxe de pago foi do 92%.

No imposto de circulación -IVTM- emitíronse 63.697 recibos o que supón 3.053 altas novas, cun importe total de 5.573.88, e 245.912 euros máis que no ano anterior.

Sonia Méndez lembrou que a previsión destas novas altas "permitiu que o imposto de Vehículos de Tracción Mecánica, non subise nin o IPC porque tiñamos este marxe". Neste imposto o pago en período voluntario foi de preto do 80%.

Máximo consenso
A Concelleira de Economía destacou o esforzo que se fai dende o seu departamento para chegar a consensos con todos os grupos políticos, na aprobación de todas as súas propostas. "As Ordenanzas Fiscais aprobáronse co máximo consenso, e en setembro xa comezaremos a redacción das novas. Estamos nunha boa liña. Onte o Pleno aprobou por unanimidade a creación e regulamento do Tribunal Económico Administrativo que culmina un proceso iniciado neste mandato para a modernización do servizo de Economía".

O Tribunal Económico Administrativo ten como obxectivo a resolución das reclamacións económicas dos administrados. A finalidade deste órgano, que recolle a Lei de Modernización de Réxime Local, será axilizar e abaratar calquera reclamación dos contribuíntes. A Concelleira de Economía subliñou que concederá máis dereitos aos contribuíntes lucenses.  A través deste órgano terán acceso a un Tribunal colexiado composto por 3 persoas, que resolverá de maneira independente e gratuíta as súas reclamacións económicas.

O pago destes impostos supón o 10% dos ingresos municipais, arredor de 9 millóns de euros o que indica a boa xestión levada a cabo dende este departamento. Os ingresos do primeiro trimestre están na mesma liña que os de anos anteriores. Os balances, explicou a Concelleira "temos que facelos contando con todos os datos e tendo en conta que temos un calendario do contribuínte que fixa uns prazos para o pago de impostos".

Noticias relacionadas