Máis de 6.000 espectadores respaldan en 3 días e medio ao Lugomáxico

Mañá venres e sábado, ás 21:00 horas, terán lugar a Gala Unipersonal e a Gran Gala Internacional. As entradas xa están á venda en www.entradaslugo.es

Xoves, 04 de maio de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Máis de 6.000 espectadores respaldan en 3 días e medio a XIV Semana Internacional de Maxia en Lugo - Lugomáxico, tanto nas rúas e prazas, como no MIHL, o Vello Cárcere e o Auditorio Municipal Gustavo Freire, entre outros; organizada polo Concello. A maxia continúa esta tarde e mañá ao longo do día, para rematar coa Gala Unipersonal do hipnotista Jeff Toussaint, ás 21:00 horas. O sábado, como colofón a esta edición da maxia, tamén ás 21:00 horas, terá lugar a Gran Gala internacional, na que participarán o arxentino Maximiliano Stia, que exercerá de presentador, o belga Aaron Crow, que realiza unha maxia extrema, o estadounidense Charlie Frye and Company, que mestura humor, maxia e malabares; o francés Néstor Hato, actual campión de Europa de manipulación, o suízo Erwan, que forma parte da nova xeración de ilusionistas, e os españois Edama, que realizan maxia teatralizada.

As entradas para estas galas xa poden adquirirse en www.entradaslugo.es por un prezo de 10 ou 12 euros, dependendo da zona, ata 3 horas antes de cada función, así como no Centro de Interpretación da Muralla. Os mesmos días das galas tamén se poderán adquirir no propio auditorio dende 90 minutos antes do comezo do espectáculo.

Máis información en www.lugo.gal e www.lugomaxico.es, así como no teléfono do Concello 010, ou no 982-29-73-50 para os de fóra de Lugo.

Noticias relacionadas