Máis de 6.000 contribuintes beneficiáronse das reduccións fiscais do Concello de Lugo no 2008

Martes, 05 de agosto de 2008
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, anunciou hoxe que 6.155 lucenses beneficiáronse das reduccións fiscais establecidas polo Concello de Lugo coas que se aforraron un total de 2.831.175 euros.

Este balance realízase no momento no que a Concellería de Economía esta a estudar as ordenanzas fiscais do vindeiro ano. A Concelleira recordou que “as ordenanzas son o documento que recolle os ingresos municipais, unha fonte principal dos orzamentos do Concello xa que soamente o IBI supón case o 15% dos ingresos e o IVTM o 5%. No vindeiro ano, como xa anunciara o Alcalde, manteranse conxelados os tipos impositivos destes dous tributos e as bonificacións fiscais establecidas nestes últimos anos.”

Méndez explicou que a finalidade perseguida polo Goberno Local, ademais da ventaxa económica que supón para os beneficiarios, é o fomento de determinadas situacións e conductas que beneficien a determinados sectores da poboación como poden ser as familias numerosas, a rehabilitación e accesibilidade dos edificios; así como promover comportamentos que favorezcan o medio ambiente (por exemplo a través das bonificacións de vehículos ecolóxicos e das pracas solares).

A exención máis solicitada, segundo explicou a Concelleira, é a de vehículos que utilizan persoas con mobilidade reducida, usados por persoas con algunha discapacidade física (tanto dos vehículos conducidos por eles como os destinados ao seu transporte), que suman un total de 2.067 as solicitudes desta bonificación que é do 100%.

As seguintes exencións máis numerosas solicitadas polos contribuintes son as 1.486  relativas aos tractrores e maquinaria agrícola cunha exención do 100%. Tamén son considerables as bonificacións sobre o IVTM dos vehículos históricos (máis de 25 anos) cun total de 900 beneficiarios que están exentos do 100%.

A Concelleira indicou que “teñen moito éxito e, sobre todo, confirman o obxectivo de renovación urbanística da nosa cidade, as bonificiacións relativas ás licencias  para a instalación de ascensores, para a restauración de fachadas, a rehabilitación de edificios na zona afectada polo PEPRI, obras de accesibilidade, etc., cun total de 262 solicitudes”.

As exencións no IBI foron solicitadas por 29 familias numerosas e 66 titulares de vivendas de protección oficial.

Por outra banda, unha das novas bonificacións implantadas este ano e moi demandadas polo contribuinte é o das denominadas plusvalías, un imposto que trata de gravar os incrementos de valor que se produzan polas transmisións, por compra venda ou falecemento da persoa. No municipio de Lugo cando se faga unha transferencia da vivenda habitual por herencia, terán unha bonificación do 95% do imposto. Neste caso foron 22 as solicitudes recibidas que se aforraron un total de 10.865 euros. “Esta era unha bonificación que tiñamos moito interés en implantar para que fora un complemento dos beneficios implantados pola Xunta de Galicia no Imposto de Sucesións”, afirmou Méndez.

A Concelleira explicou que “o que está tratando o Goberno Local é propiciar a máxima información e transparencia á hora do pago de impostos e por iso, aproveitando o comezo do pago do IBI no mes de setembro, lanzarase unha nova campaña da Guía do contribuinte distribuindo uns 30.000 exemplares co calendario fiscal, con información sobre os medios de pago e coas bonificacións fiscais”.

Noticias relacionadas