Máis de 300 persoas participan en Lugo no XII Congreso da Sociedade Española de Agricultura Ecolóxica

A Alcaldesa asistiu á inauguración deste congreso, que terá lugar ata o vindeiro sábado no Pazo de Feiras e Congresos

Mércores, 21 de setembro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Máis de 300 persoas participan en Lugo no XII Congreso da Sociedade Española de Agricultura Ecolóxica

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, participou este mércores na inauguración do XII Congreso da Sociedade Española de Agricultura Ecolóxica (SEAE), co que colabora o Concello. Máis de 300 persoas asisten a este seminario que terá lugar ata sábado no Pazo de Feiras e Congresos. Ao acto tamén asistiron o presidente da Deputación, Darío Campos, a presidenta da Sociedade Española de Agricultura Ecolóxica, María Dolores Raigón, o presidente de CRAEGA, José Antonio Fernández, o vicerreitor Javier Bueno, e a Directora Xeral de Gandeiría, Belén do Campo.

Durante o acto, a rexedora agradeceulle á SEAE que pensase en Lugo para organizar este congreso, que se consolidou co paso dos anos como un  espazo de encontro e diálogo entre todos os actores da cadea agroalimentaria ecolóxica e os investigadores, asesores, formadores, autoridades e certificadores.

Lara Méndez fixo fincapé no sector da agricultura ecolóxica que está a medrar día a día, duplicándose en Galicia a superficie certificada dende o ano 2006, rexistrando un aumento do 33,3% no último ano, duplicándose os operadores e triplicándose a facturación. Nesta liña, a rexedora tamén lembrou que Lugo é a provincia que concentra case a metade da superficie de Galicia, contando o municipio con 21 operadores inscritos no CRAEGA: 7 industrias, catro ganderías e 10 agricultores.

“Dende o Concello de Lugo estamos a facer unha clara aposta pola agricultura ecolóxica por dúas razóns fundamentais, porque supón un elemento dinamizador máis da cidade que, cunha filosofía e configuración moi atractivas, seguro que atraerá a numerosas persoas, co que terá un importante retorno económico e social para a hostalería e o comercio; e porque queremos impulsar e darlle visibilidade a  este sector tan puxante como oportunidade económica e de creación de emprego, favorecendo o seu coñecemento”, concluíu a Alcaldesa.

Noticias relacionadas