Máis de 2.500 corredores de todas as idades danse cita na 16ª Corre con Nós. Nocturna Monumental

A carreira popular tivo un percorrido de entre 300 metros e 2 quilómetros para as categorías infantís e de 4 quilómetros a de adultos

O Concelleiro de Deportes subliñou o “gran éxito de participación” que obtivo un ano máis a proba, “unha oportunidade única para gozar do entorno da cidade, ao tempo que se practica deporte”

Sábado, 16 de xaneiro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Máis de 2.500 corredores de todas as idades danse cita na 16ª Corre con Nós. Nocturna Monumental

Máis de 2.500 corredores de todas idades, dende os 5 anos en adiante, e de todos os puntos do concello, da provincia e do resto de Galicia, déronse cita na cidade de Lugo para participar na 16ª edición de Corre con Nós. Nocturna Monumental, unha proba deportiva cunha forte implantación que cada ano gaña adeptos e arrastra a miles de persoas amantes do running. Trátase da primeira cita do Circuíto Larsa Corre non Nós, que engloba 6 carreiras de xaneiro a xuño.

O Concelleiro de Deportes e Medio Rural, Miguel Fernández, deu o pistoletazo de saída á carreira popular, que tivo un percorrido de entre 300 e 2 quilómetros para as categorías infantís e 4 para a de adultos. O edil destacou que Corre con Nós, na que colaboran Viesgo, Coca-Cola e Caixa Rural, enmárcase na aposta do Concello “por promover as actividades deportivas, así como no noso compromiso co deporte, en todas as modalidades e para todas as idades”.

Miguel Fernández subliñou o “gran éxito de participación” que un ano máis tivo esta cita, “unha oportunidade única para gozar do entorno da cidade, ao tempo que se practica deporte”.

Categorías

A carreira partiu da Praza Maior sobre as 18:30 horas para a categoría mini (nados no 2010 e 2011 e de caracter non competitivo), a categoría A (nados no 2007, 2008 e 2009), B (2004, 2005 e 2006) e C (2001, 2002 e 2003). Ás 19:00 horas tivo lugar a da categoría adulta.

Os cativos e cativas da categoría mini realizaron un recorrido de 300 metros, ou o que é o mesmo, unha volta á Praza Maior, a partir das 18:00 horas.

Ás 18:10 tivo lugar a saída para a categoría A, que correron 850 metros pola Praza Maior, Campo Castelo, Ronda da Muralla, rúa Ángel López Pérez, rúa Vilaba, Bispo Aguirre e volta á Praza Maior.

Os corredores da categoría B saíron ás 18:20 e percorreron 1.230 metros pola Praza Maior, Campo Castelo, Ronda da Muralla, Ángel López Pérez, Ramón Ferreiro –ida e volta-, rúa Vilalba, Bispo Aguirre e Praza Maior.

Por último, a categoría C percorreu 2 quilómetros con saída ás 18:30 horas. O itinerario foi o mesmo que o da categoría B, engadíndolle as rúas Rodríguez Mourelo e Doutor Portela –ida e volta-.

Pola súa banda, os adultos saíron ás 19:00 horas e realizaron o mesmo percorrido que a categoría C, soamente que foron dúas voltas, cun total de 4 quilómetros.

Próximas probas

As vindeiras probas do circuíto terán lugar os domingos 14 de febreiro, 13 de marzo e 17 de abril, así como o sábado 7 de maio e o domingo 5 de xuño.

Máis información en www.lugo.gal

Noticias relacionadas