Máis de 250 incidencias foron atendidas pola Policía Local, Bombeiros e Protección Civil debido ao temporal

Os servizos de emerxencia do Concello recibiron un importante volume de chamadas da cidadanía, sobre todo por caídas de árbores, lousas, postes, muros ou colectores do lixo

Luns, 06 de febreiro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Os servizos de emerxencia do Concello atenderon máis de 250 incidencias relacionadas co temporal de fortes ventos nos últimos catro días. A entidade local recibiu numerosos avisos da cidadanía, a maioría deles relacionados con caídas de árbores, lousas, postes, muros ou colectores do lixo. Tamén se produciron caídas de valos publicitarios, mobiliario urbano, toldos, cornixas, chemineas ou antenas, ademais de inundacións nalgunha vía da cidade e en sotos de edificios.

A Policía Local atendeu máis de 170 incidencias, mentres que os Bombeiros deron resposta a unhas 80 e Protección Civil colaborou en preto de 15. Tamén contaron co apoio doutros servizos municipais, como o parque móbil, as brigadas de obras ou os servizos eléctricos, así como as empresas Urbaser e Calfensa.

Nas mañás do venres e do sábado foi cando máis avisos se recibiron, tanto a través da Sala do 092 da Policía Local, como do Corpo de Bombeiros, de Protección Civil e do Servizo de Atención Cidadá 010.

Ademais, o Concello adoptara medidas de prevención para garantir a seguridade cidadá, ante a alerta laranxa decretada pola Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, como a de manter pechados ao público os parques da Milagrosa e Rosalía de Castro ou suspender o mercado de Frigsa do pasado venres. Nalgún caso, e debido á caída de obxectos á vía pública, foi preciso sinalizar ou cortar algún treito de beirarrúa, ademais de cortar o tráfico nun treito da Rúa Camiño Real.

Os dous parques abríronse de novo ao público durante a mañá de hoxe, despois de que os operarios realizaran as correspondentes tarefas de mantemento e supervisión do arboredo existente nos mesmos. Nestes momentos, os servizos municipais seguen a traballar para restablecer a normalidade tanto na cidade como na zona rural do municipio.

O Goberno municipal agradece o importante labor realizado pola Policía Local, o Corpo de Bombeiros e Protección Civil, ademais do resto de servizos municipais e empresas que colaboraron cos seus medios, para solucionar coa máxima rapidez posible as distintas incidencias e garantir a seguridade da cidadanía.

Audio

  • Miguel Fernández, sobre as incidencias polo temporal |Descargar mp3

Noticias relacionadas