Máis de 25 toneladas de tapóns de plástico financian o xantar en comedores escolares de 13 cativos e cativas

A Alcaldesa participou este venres no acto de entega de dous novos talóns solidarios de máis de 5.000 euros ás ANPAS dos colexios Anexa e As Mercedes

O Concello colabora coa campaña Os tapóns dan vida e coidan o medio ambiente, pois “enmárcase na nosa aposta polo benestar social e a igualdade”, asegurou Lara Méndez

Venres, 06 de novembro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Entrega de los talones solidarios

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o Presidente da Deputación, Darío Campos, a presidenta da Fundación Puro Cora, Blanca García, a secretaria do colexio de farmacéuticos de Lugo, Guadalupe Penzol; a psicóloga da Asociación Española Contra o Cancro, Rosa Zas, unha socia de Prelo, Esther González; a xerente de Recikla2, Marta Arias; e os responsables da organización de selección do Banco de Tapóns de Lugo, Teresa Sanjuan, Amparo Revaldería e Consuelo Varela, fixeron entrega este venres, na sede do grupo El Progreso, de dous novos talóns por valor de 2.121 euros e 3.000 euros ás ANPAS dos colexios Anexa e As Mercedes, respectivamente.

O importe recadado nesta ocasión, 5.121 euros conseguidos grazas á reciclaxe do plástico das máis de 25,6 toneladas de tapóns, foron entregados a Cristina Alonso e Martín Fernández, representantes de ambos colectivos de nais e pais, co fin de sufragar os gastos do comedor escolar de 13 cativos e cativas destes centros educativos que se atopan en dificultades económicas.

O Concello colabora coa campaña Os tapóns dan vida e coidan o medio ambiente posta en marcha pola Fundación Puro Cora no ano 2012, pois “enmárcase na nosa aposta polo benestar social e por poñer freo ás desigualdades sociais”, tal e como subliñou Lara Méndez, quen lembrou que o Concello de Lugo é o primeiro municipio de Galicia e o cuarto de España que máis inviste en políticas sociais, un 20% do orzamento total.

“Unha vez máis móstrase o lado máis solidario dos lucenses”, subliñou Méndez, ao tempo que agradeceu o traballo que realizan tanto dende o Banco de Tapóns de Lugo como dende as diferentes entidades que o apoian para que os tapóns se convertan en recursos económicos para mellorar a calidade de vida dos lucenses “que o están a pasar mal nestes momentos de crise”.
“Esta iniciativa é boa mostra da colaboración das administracións públicas entre si, e destas con colectivos sociais e empresas privadas”, sentenciou a rexedora.

Unha iniciativa solidaria que contribúe á conservación do medio ambiente

Os tapóns dan vida e coidan o medio ambiente nace co obxectivo de financiar diferentes iniciativas solidarias ao tempo que se contribúe á conservación do medio ambiente favorecendo a reciclaxe de plástico. Grazas a esta iniciativa recóllense tapóns de plástico por toda a provincia luguesa para posteriormente vendelos e recoller fondos, que se destinan a axudar ás familias máis necesitadas.

A través desta iniciativa xa se entregaron 12 talóns por un importe de máis de 22.000 euros, para os que se recolleron preto de 100 toneladas de tapóns de plástico, co obxectivo de financiar tratamentos, xantares no comedor escolar, material escolar ou medicamentos. Fíxose ademais unha campaña de recollida de xoguetes.

Audio 

  • Lara Méndez, sobre a iniciativa solidaria Os tapóns dan vida e coidan o medio ambiente |Descargar mp3

Multimedia

  • Entrega de los talones solidarios

Noticias relacionadas