Máis de 200 familias de toda España coñecerán esta fin de semana 13 Concellos coa Volta ás Comarcas

Lara Méndez e Darío Campos deron o pistolezo de saída a primeira das tres etapas, que partiu da Praza Maior de Lugo e chegará á Pontenova

Son 176 os participantes de toda Galicia, así como de Ibiza, Barcelona, León, El Bierzo, Asturias, País Vasco, Segovia, Madrid, Valencia ou Cáceres

Os corredores e os seus acompañantes alóxanse en Lugo, A Pontenova, A Fonsagrada, e Concellos limítrofes, pois son os puntos de saída e chegada da Volta

Venres, 26 de maio de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Máis de 200 familias de toda España coñecerán esta fin de semana 13 Concellos coa Volta ás Comarcas

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o Presidente da Deputación, Darío Campos,  deron o pistoletazo de saída á Volta ás Comarcas de Lugo 2017, Desafío Volta Lugo, que arrancou este venres dende a Praza Maior da capital luguesa e continuará durante toda a fin de semana. Celebraranse 3 etapas, que discorrerán por 13 Concellos. Son 176 os participantes, que proceden de toda Galicia, así como Ibiza, Barcelona, León, El Bierzo, Asturias, País Vasco, Segovia, Madrid, Valencia ou Cáceres. Os corredores, xunto aos seus acompañantes, xa teñen reservado aloxamento en Lugo, A Pontenova e A Fonsagrada, así como en municipios limítrofes, pois son os puntos de saída e chegada da Volta.

A rexedora subliñou que o apoio do Concello á Volta Ciclista ás Comarcas enmárcase no compromiso do Goberno local por potenciar o deporte base, “que consideramos fundamental, pois, ademais de fomentar hábitos de vida saudables, tamén inculca valores aos nenos e nenas, aos que lles tocará capitanear o futuro da nosa cidade, a nosa provincia e a comunidade”.
 
Lara Méndez resaltou tamén que o evento deportivo co que colabora o Concello e a Deputación “conxuga a práctica deportiva co turismo, co aposta en valor de toda a riqueza patrimonial, histórica e paisaxística que temos na cidade”, e supón tamén “un retorno económico importante”.

Campos Conde apuntou que o Goberno da Deputación colabora coa celebración desta cita con 65.000 euros co obxectivo de promover a actividade deportiva e o turismo. “Creo que este é un investimento que contribúe en certa medida a reactivar a economía da nosa provincia, pois durante toda a fin de semana contaremos con máis de 200 familias de toda España facendo vida nos nosos Concellos, comendo, mercando ou aloxadas nos establecementos lucenses; así como coñecendo a riqueza turística que fai de Lugo unha provincia única, e que, de seguro, fará que volvan”.

Único en Galicia
A Alcaldesa e o Presidente cortaron a cinta de saída á primeira das tres etapas que se celebrarán dende hoxe e ata o domingo. O organismo provincial é o principal patrocinador deste evento cicloturista, que é o único en Galicia que se celebra por etapas, así como dos poucos en España. Discorrerá polos seguintes municipios: Lugo, Castro de Rei, A Pastoriza, Riotorto, A Pontenova, Meira, Ribeira de Piquín, A Fonsagrada, O Cádavo, Castroverde, O Corgo, Láncara e Guntín.

Etapa de hoxe
Este venres, os corredores saíron ás 11:00 horas da Praza Maior de Lugo e chegararán á Rúa das Escolas, na Pontenova. En total, percorrerán unha distancia de 86,8 quilómetros, cun desnivel acumulado de 1.193 metros positivos, atravesando altos de montaña como o Alto de Lindín (3ª Categoría), o Alto de Cruz da Cancela (2ª Categoría) ou o Alto de Augaxosa (2ª categoría). Esta primeira etapa pasará polos Concellos de: Lugo, Castro de Rei, Pastoriza, Riotorto, A Pontenova.

En paralelo á etapa, o Colexio da Pontenova acollerá esta tarde o Desafío Volta Júnior. Instalaranse uns circuítos de habilidade, destreza e velocidade onde os nenos e nenas poderán sentirse como auténticos profesionais, xa que dispoñerán da mesma infraestrutura, loxística e medios humanos que o resto de deportistas.

Etapa de mañá
A etapa do sábado sairá ás 10:00 horas dende a Praza dos Fornos de A Pontenova. O remate desta segunda etapa terá lugar na Praza do Concello de A Fonsagrada, completando unha distancia de 117,1 quilómetros e 3.077 metros de desnivel positivos. Neste segundo día, os ciclistas enfrontaranse a altos de montaña como o Alto de Marco de Álvarez (2ª Categoría), o Alto da Barraca (1ª Categoría), o Alto de O Couso (1ª Categoría), ou o Alto de Muradal (1ª Categoría). Atravesará os Concellos de: A Pontenova, Meira, Ribeira de Piquin, A Fonsagrada.

Programa
SÁBADO 27 DE MAIO
07.00 – 8.00 horas:     Almorzo participantes con aloxamento. A Fonsagrada (Escola Hogar)
08:15 horas: Saída autobuses participantes:
Lugo á Pontenova: Gran Hotel Lugo (avda. Ramón Ferreiro s/n)
A Fonsagrada á Pontenova: Escola Hogar
09:00 horas: Apertura aparcadoiro bicicletas e vestiarios. A Pontenova (Pavillón Deportivo)
09:00 – 09:50 horas:     Concentración e control de firmas corredores. A Pontenova (Praza dúas Fornos)
10:00 horas: Saída Neutralizada A Pontenova. A Pontenova (Praza dúas Fornos)
15:00 horas: Chegada primeiros participantes e apertura zona vestiarios.
Comida participantes A Fonsagrada (Escola Hogar)
16:00 – 17:00 horas:     Ginkana Desafío Volta Júnior. A Fonsagrada (Concello)
17:00 horas: Saída autobuses participantes sen aloxamento a Lugo. Gran Hotel Lugo (avda. Ramón Ferreiro s/n)
20:30 horas: Cea participantes con aloxamento. A Fonsagrada (Escola Hogar)

DOMINGO 28 DE MAYO
07:30 – 09:00 horas:     Almorzo participantes con aloxamento. A Fonsagrada (Escola Fogar)
08:00 horas: Saída autobuses participantes desde Lugo á Fonsagrada. Lugo (Pazo de Feiras e Congresos)
09:00 horas: Apertura aparcadoiro bicicletas e vestiarios. A Fonsagrada (Escola Fogar)
09:15 – 09:55 horas:     Concentración y control de firmas corredores. A Fonsagrada (Concello)
10:00 horas: Saída Neutralizada A Fonsagrada. A Fonsagrada (Concello)
12:30 – 13:30 horas:     Ginkana Desafío Volta Júnior. Lugo (Pazo de Feiras e Congresos)
13:30 horas: Chegada primeiros corredores a meta e apertura vestiarios. Lugo (Pazo de Feiras e Congresos) e Pavillón O Palomar
14:00 horas: Comida Clausura e entrega de recordos conmemorativos Desafío Volta Lugo 2016. Lugo (Pazo de Feiras e Congresos)

Noticias relacionadas