Máis de 130 de persoas participan nas VI Xornadas Locais sobre Violencia de Xénero

Xoves, 22 de novembro de 2007
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Máis de 130 persoas, algunhas chegadas de varios puntos de España, participan nas VI Xornadas Locais sobre Violencia de Xénero organizadas pola Concellería de Muller e Benestar Social. Ata o día 23 o Salón de Actos da Deputación Provincial acollerá relatorios, talleres e coloquios sobre as fillas e fillos das mulleres vítimas da violencia, testemuñas directas do maltrato recibido polas súas nais e que sofren un abuso emocional moi forte.

A Concelleira de Muller e Servizos Sociais, Carmen Basadre, o Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o Subdelegado do Goberno en Lugo, Jesús Otero,inauguraron oficialmente estas xornadas. A Concelleira indicou que “a súa celebración na Deputación supón un símbolo de achegamento ós demáis concellos para que tomen parte nos temas da violencia de xénero e se involucren coas mulleres e as súas fillas e fillos”. Basadre explicou que “o obxectivo das xornadas é transmitir o sufrimento que están a vivir as mulleres e tratar de buscar un futuro mellor, igualitario e libre de violencia contra elas”.

As xornadas abríronse co relatorio da psicóloga Sofía Czalbowski sobre a Intervención psicolóxica cos menores fillas e fillos de vítimas de violencia de xénero. O avogado Santiago Míguez Caridad falou, despois da inauguración oficial, dos fillos e fillas que sofren a violencia machista nos seus fogares.

Na xornada do venres Ángeles Sepúlveda, especialista en Medicina Legal e Forense, María Jesús Navarro, Mestra especialista en Pedagoxía Terapéutica, e Amalia Fernández, vicepresidenta da Asociación Estatal de Mulleres Xuristas, falarán dende a súa perspectiva laboral das outras vítimas do maltrato.

As xornadas concluirán o vindeiro 24 de novembro cunha ofrenda floral como homenaxe ás mulleres vítimas de vilencia e cun concerto do cuarteto Camerata na Praza de Santo Domingo.

Deporte solidario
O deporte lucense tamén se unirá as reivindicación contra a violencia machista. No partido que enfrentará o CB Durán Maquinaria Ensino contra o Universitario de Ferrol de Lugo o sábado ás 19:00 horas no Pazo Provincial de Deportes. Durante o partido repartiranse unhas 1.500 camisetas co lema da Casa da Muller Non estás soa. E poranse a venda, a un prezo dun euro, chapas con mensaxes de igualdade. Os beneficios irá para os pisos de acollida da Casa da Muller.

Noticias relacionadas