Máis de 1.200 cativos e adultos participarán nos cursos de natación que o Concello ofrece nas piscinas de Frigsa e As Pedreiras

Todos os interesados nestes cursos, que terán lugar no último trimestre do ano, poden inscribirse dende hoxe ata o vindeiro xoves, en horario de mañá e tarde, na piscina que elixan para a realización do curso

As piscinas municipais tiveron nos meses de xullo e agosto unha afluencia de   preto de 15.000 asistentes

Luns, 05 de setembro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo abriu este luns o prazo de inscrición para matricularse en calquera dos cursos de natación que ofertará a entidade local nas piscinas municipais de Frigsa e As Pedreiras para este último trimestre do ano. Así o deu a coñecer esta mañá o Concelleiro de Deportes e Medio Rural, Miguel Fernández, quen lembrou que o prazo estará aberto ata o vindeiro xoves, 8 de setembro, en ambas as dúas piscinas. Os interesados deben inscribirse na piscina que desexen recibir a formación, non sendo admisible presentar a solicitude nas dúas instalacións.

Posteriormente publicarase a lista de admitidos e abrirase un prazo de matrícula, que será dende as 09:00 da mañá do día 15 de setembro, ás 14:00 horas do martes, 20. O 21 de setembro será o período de matriculación para os lucenses que quedaran en lista de espera, e o 22, a matrícula para cubrir as prazas libres. Todos os trámites de matriculación deberán facerse nas dependencias administrativas da piscina de Frigsa.

Tal e como informou Fernández, o Concello ofrece máis de 1.200 prazas para os cursos de natación, 147 para cativos e 148 para as Pedreiras, e 504 para nenos e nenas e 484 para adultos en Frigsa. Nesta piscina hai posibilidade de asistir a cursos dous ou tres días por semana, mentres que nas Pedreiras os cursos ofertados son todos de dous días por semana.

Do mesmo xeito, o edil avanzou que os prezos non varían con respecto ao pasado ano, sendo o prezo de dous días semanais para adultos de 22,90€,  e de tres días de 30,50€, estes só en Frigsa. Os máis cativos terán que abonar 18,40 € para os cursos de dous días semanais, mentres que a taxa para cursos de tres días semanais é de 24,60 €. Como sempre, os interesados teñen toda a información necesaria na páxina do Concello www.lugo.gal ou no teléfono de información cidadá 010

Uso das piscinas municipais durante o verán
A afluencia ás piscinas municipais durante os meses de verán rondou os 15.000 asistentes, continuando co éxito que acada ano tras ano estas demandadas instalacións. O día de maior afluencia no mes de xullo foi o día 18, cun total de 601 bañistas, e no mes de agosto, o 23, con 544 asistentes.

O Concello de Lugo segue apostando firmemente por manter en boas condicións as instalacións municipais, como no caso das piscinas, unha alternativa de lecer  para o verán, asegurou Fernández.

Máis información sobre os cursos de natación

  • Datas de inscrición e matriculación nos cursos de natación 2016-2017 | Descargar pdf
  • Horarios e prazas ofertadas en As Pedreiras - 1º trimestre 2016-2017 | Descargar pdf
  • Horarios e prazas ofertadas en Frigsa - 1º trimestre 2016-2017 | Descargar pdf

Noticias relacionadas