Máis alternativas de verán para a mocidade en Lugo: xogos tradicionais, rutas de sendeirismo, formación audiovisual e arte urbana

Carmen Basadre presentou a programación, enmarcada no programa +Xtí, de prevención de consumo de drogas, que é totalmente gratuíta

Venres, 29 de xuño de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Máis alternativas de verán para a mocidade en Lugo: xogos tradicionais, rutas de sendeirismo, formación audiovisual e arte urbana

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, deu a coñecer este venres, na Sala de usos múltiples do Edificio de Novas Tecnoloxías, novas actividades gratuítas para este verán organizadas polo Concello, dirixidas á mocidade, enmarcadas no programa +Xtí, de prevención de consumo de drogas.

Trátase, en primeiro lugar, de xogos tradicionais interxeracionais, como o xogo de bólas, buxainas, o xogo da rá, zancos, aro, carreiras de sacos ou o zorriago. "É un modo de pór en valor e recuperar o patrimonio lúdico espallado por toda a xeografía galega ao tempo que se ofrece unha alternativa para que participen e interactúen nenos e nenas e maiores", subliñou a edil.

As actividades arrincarán este domingo, 1 de xullo, no Parque de Rosalía de Castro, na contorna dos xogos infantís, e terán lugar todos os domingos ata o 12 de agosto, agás o 29 de xullo. Serán de 18:30 a 20:30 horas e recalarán, por orde, na Praza Maior, nas proximidades do quiosco da música; na Praza Milagrosa, preto da área de xogos da zona da Biblioteca Municipal; en Augas Férreas, na Praza Anxo Fernández Gómez e na Praza Roxa. Xotramu e a Asociación Galega do Xogo Tradicional e Popular serán os encargados de pilotar estas novas actividades, cunha duración de dúas horas.

As rutas de sendeirismo na natureza son outras das alternativas. Serán un total de oito e comezarán o 9 de xullo, coa andaina As ribeiras altas, Miño arriba. O calendario de excursións continuará o 11, 16, e 18 de xullo; e o 13, 15, 27 e 29 de agosto. Para participar é preciso insciribrse no Servizo de Información Municipal 010 ou a través do 982-29-73-50, para os de fóra de Lugo. Estas rutas, dirixidas por un biólogo profesional, tamén tratarán os Lagos de Teixeiro, a Insua de Burneiros, o  Camiño do Miño, a Ruta dos Mapaches, o río Mera, a Ruta da Agua e o río Rato. O punto de saída é a parada de autobús da rúa Anxo López Pérez, ás 10:00 horas, cunha duración ata as 14:00 horas.

O Concello tamén ofrece dous cursos de formación audiovisual; un de iniciación á curtometraxe, do 16 ao 26 de xullo, e outro de creación, do 30 de xullo ao 20 de agosto. Serán na Casa da Xuventude, e impartiranos Andrés Goteira e Suso López. As inscricións tamén deben formalizarse no 010.

Para as e os amantes da arte urbana, a entidade local ten preparado un taller de hip hop, que consta de 10 sesións, martes e xoves, das 10:00 ás 13:00 horas, do 17 de xullo ao 16 de agosto. Tamén hai unha actividade de grafiti, Lugo Mola. Do día 30 de xullo ao 3 de agosto renovarase o mural da zona de street workout da zona do Parque de Rosalía, e do 4 ao 10 de agosto, o da Praza do Castiñeiro. Esta actividade tamén leva aparalleda a humanización dos espazos xuvenís, como a instalación de iluminación ou a renovación de elementos de xogo, como por exemplo, de aros de canastra.

O tenis de mesa, de luns a vernes, das 10:00 ás 13:00 horas, dende o 1 ao 29 de agosto, nas instalacións de tenis de mesa de Frigsa é outra actividade, que se suma ás anunciadas anteriormente polo Concello, como un taller de tatuaxe, outro para reparar móbiles, ou un obradoiro de comunicación, entre outros.

Audio

  • Carmen Basadre, sobre as actividades para a mocidade de Lugo | Descargar mp3

Multimedia

  • Máis alternativas de verán para a mocidade en Lugo: xogos tradicionais, rutas de sendeirismo, formación audiovisual e arte urbana
  • Máis alternativas de verán para a mocidade en Lugo: xogos tradicionais, rutas de sendeirismo, formación audiovisual e arte urbana
  • Máis alternativas de verán para a mocidade en Lugo: xogos tradicionais, rutas de sendeirismo, formación audiovisual e arte urbana

Noticias relacionadas