Madrid coñece a programación do San Froilán 2017 "que recolle a identidade dos e das lucenses”

Lara Méndez, Carmen Basadre e José Ramón Ónega presentaron a programación dos festexos, que terán lugar do 4 ao 12 de outubro.

O programa, “que garda a nosa parte cultural como pobo”, segundo a Alcaldesa, engloba 200 actividades para todos os públicos.

Martes, 19 de setembro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Madrid coñece a programación do San  Froilán 2017 "que recolle a identidade dos e das lucenses”

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, achegarónse este martes á Casa de Galicia en Madrid cun obxectivo claro: convidar á veciñanza madrileña a participar nos distintos actos programadados polo Concello dende a base da ilusión para o San Froilán 2017, que terá lugar do 4 ao 12 de outubro. No acto de presentación, a rexedora e a edil estiveron acompañadas polo director desta entidade, José Ramón Ónega.

No transcurso do acto, ao que asistiron unha vintena de persoas, Lara Méndez exhibiu as múltiples potencialidades de Lugo e do San Froilán, “as nosas grandes festas patronais, que levan máis de 250 anos de celebración, comezando como unha feira”, que engloban 9 días de festexos e 200 actividades.

Esta programación “recolle a identidade dos e das lucenses. Queremos que todos teñan cabida, dende artistas de Lugo e galegos a artistas nacionais e internacionais,  artistas nóbeles e artistas de gran traxectoria nacional e internacional. En definitiva, un programa para todos, que engloba o sentir de todos os lucenses, gardando tamén a nosa parte cultural como pobo”, subliñou a Alcaldesa

Entre as actividades que marcan estes sinais de identidade como pobo están o pregón -a cargo de Marica Campo, o día 4 ás 20:00 horas-, a ofrenda a Rosalía de Castro -con Noemi Mazoy como oferente, o día 8-, unha mostra do traxe tradicional e un concertos das tradicionais bandas de Chantada, Merza e a Sociedade Filarmóninca de Lugo.

Así mesmo celebrarase o Día do Camiño Primitivo, que terá lugar por segundo ano consecutivo, o 11 de outubro. Este ano esta distinción engloba unha ruta polos dereitos humanos, demostracións de artesanía e exposicións de traxes tradicionais.

A Alcaldesa enxalzou a oportunidade de volver a presentar estes festexos en Madrid, "de onde cada vez veñen máis visitantes, concretamente máis de 8.300 o pasado ano e uns 5.000 nos primeiros oito meses deste ano", convidándoos a visitar a cidade nas festas e Lugo ao longo de todo o ano. Todas os e as madrileñas interesadas en achegarse a Lugo nos festexos poden aproveitar os descontos do 25% que ofrece Alsa ata o 17 de outubro.

Esta invitación tamén a compartiu Carmen Basadre, quen explicou algunhas das distintas citas que engloba o San Froilán, o Gastroarte, o San Froilán Tecederio, a xornada gastronómica Saborea o San Froilán, e algúns dos concertos, que xunto ás sesións vermús e pasarrúas a cargos dos grupos de Lugo conforma o programa: Iván Ferriro, Los Secretos, John Nemet, The Limboos, Rosa Cedrón, Edgar Bao, Sés, Guadi Galego, ou De Vacas. Así mesmo, lembrou que os cativos e cativas teñen unha programación especial pensada para eles: máis de 30 actividades lúdico-festivas como actuacións de títeres ou contacontos.

Pola súa banda, José Ramón Ónega rememorou as súas vivencias infantís e xuvenís en Lugo, cidade da que dixo que é "histoira, pasado, nostalxia e beleza" e que en ela "fixeron meditacións os romanos, soñaron os celtas e namoráronse os suevos".

"Dicir  San Froilán é dicir cancións, poesía e pasado rico en soños e nostalxias. Teño dito en incontables ocasións por aquí que o meu corazón está en Lugo, na cidade, na Muralla, no Miño que sabe de poesía", engadiu.

Máis información destes festexos na web www.sanfroilan.info

Noticias relacionadas