Luz verde a máis de 644.000 euros de fondos europeos para favorecer a inserción laboral de 150 rapaces e rapazas luguesas

A Xunta de Goberno aceptou esta achega económica para un plan de inserción laboral, que baixo o nome de Empregalia ofrecerá 10 accións formativas en sectores con máis perspectivas de crecemento e de emprego no municipio

Aprobadas as bases para a cobertura interina de prazas de axudante de cociña-limpeza, así como para o acceso en propiedade a unha praza de enxeñeiro ou enxeñeira técnica agrícola e a dúas de Policía Local

Mércores, 26 de xullo de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Xunta de Goberno deu luz verde este mércores á achega económica de máis de 644.000 euros da Unión Europea para favorecer, a través da formación, a inserción laboral de 150 mozos e mozas menores de 30 anos de idade, inscritos no programa de Garantía Xuvenil. Faino tras a resolución o pasado xoves desta axuda.

Tal e como explicou o Voceiro Municipal, Miguel Fernández, unha vez aceptada esta achega económica comezarase coa selección das persoas participantes, para arrincar a execución do plan de emprego entre finais deste ano e principios do que vén.

Baixo o nome de Empregalia, este plan de inserción laboral ofrecerá 10 accións formativas en sectores con maiores perspectivas de crecemento económico e de emprego no municipio, como son a tecnoloxía, turismo e lecer, e saúde e benestar. En concreto, os obradoiros serán de aplicación e manexo de sistemas aéreos non tripulados: RPAs ou drons, operacións de gravación e tratamento de datos e documentos, confección e publicación de páxinas web, actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería; socorrismo en espazos acuáticos naturais e en instalacións acuáticas, operacións básicas de cociña e de cátering, técnicos/as en transporte sanitario e dinamización de actividades de tempo libre, educativo, infantil e xuvenil. Todas estas accións formativas teñen unha parte teórico práctica e unha parte práctica en empresas do sector do que se trate. Xunto á formación específica de cada especialidade, os participantes recibirán formación adicional de carácter xeral en informática, inglés básico, habilidades sociais e fomento da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres.Durante todo o proceso, as persoas participantes recibirán acompañamento personalizado a través de titorías individualizadas, orientación e intermediación laboral e axuda na busca activa de emprego. As accións deben estar rematadas en decembro do 2018.

A proposta do Goberno, aceptada na súa totalidade polo Fondo Social Europeo e polo Ministerio, ten como obxectivo fundamental proporcionar aos mozos e mozas de Lugo os coñecementos, destrezas e instrumentos que melloren a súa empregabilidade e lles faciliten o acceso ao mercado laboral ou o desenvolvemento de proxectos de emprendemento, todo elo, a través dun conxunto de accións de información, orientación, formación e fomento do emprego. O Ministerio concedeu a totalidade da axuda solicitada pola entidade local: 644.594,66 euros, dos que a gran maioría, un 91,8%, serán achegados polo propio Fondo Social Europeo, isto é, 592.318 euros, mentres que o Concello asumirá o 8,2%: 52.276 euros.

Persoal

Na sesión deste mércores, a Xunta de Goberno aprobou as bases do proceso selectivo para a cobertura interina de prazas de axudante de cociña-limpeza. O proceso constará dunha proba teórica e outra práctica. Todas as persoas interesadas en participar neste proceso deberán entregar as súas instancias no Rexistro Xeral do Concello nun prazo de 10 días naturais dende a súa publicación no Boletín Oficial da Provincia (BOP).

Así mesmo, aprobáronse as bases específicas para o acceso en propiedade a unha praza de enxeñeiro ou enxeñeira técnica agrícola, por quenda de promoción interna, e a dúas prazas de Policía Local, por quenda de mobilidade horizontal.

Outros asuntos

Tal e como avanzou Fernández, a Xunta de Goberno declarou deserto o procedemento da contratación da subministración de produtos de alimentación en xeral e produtos de limpeza para o Fogar do Transeúnte. Así mesmo, acordou abrir unha convocatoria de nova licitación mediante porcedemento negociado sen publicidade. A duración do contrato será dun ano, prorrogable por outro, e o orzamento será duns 45.400 euros para os produtos de alimentación e duns 3.800 euros para o de limpeza.

Nesta liña tamén se declarou deserto o procedemento de licitación para a contratación do servizo de transcrición de actas do Pleno Municipal e das comisións de Pleno. Do mesmo xeito aprobouse a tramitiación dun novo procedemento e a apertura dun novo prazo de licitación. A duración do contrato será dun ano, prorrogable por outro, e o orzamento para a primeira anualidade ascende a 13.500 euros. O anuncio de licitación publicarase no BOP e no Perfil do Contratante, na páxina web do Concello, www.lugo.gal. Todas as persoas interesadas teñen un prazo de 15 días dende a súa publicación no boletín para a presentación de instancias no Rexistro Xeral do Concello.

Audio

  • Miguel Fernández, sobre os fondos europeos para favorecer a inserción laboral | Descargar mp3

Noticias relacionadas