Luz verde do Goberno Local ao convenio de colaboración coa Consellería de Educación para a xestión de comedores escolares

A Xunta de Goberno aprobou o convenio, onde o Concello asume a prestación e o financiamento do servizo nos centros de Albeiros, Anexa, As Mercedes, Illa Verde, Menéndez Pelayo, Luis Pimentel, Rosalía de Castro e Sagrado Corazón

Na sesión deste mércores tamén se adxudicou a Recitor e Sanilu S.L. o alugueiro e mantemento diario de 10 cabinas sanitarias en zonas verdes públicas do municipio por un período de catro anos, cun importe anual de 29.040 euros

Mércores, 06 de setembro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Xunta de Goberno deste mércores deulle luz verde ao convenio de colaboración coa Consellería de Educación para a xestión de oito comedores escolares. O Concello asume a prestación e o financiamento do servizo, e a Consellería achega unha colaboración económica para este fin dun total de 89.000 euros dividido en tres anualidades. Trátase dos comedores dos colexios de Albeiros, Anexa, As Mercedes, Illa Verde, Menéndez Pelayo, Luis Pimentel, Rosalía de Castro e Sagrado Corazón.

Tal e como indicou o Voceiro Municipal, Miguel Fernández, "estamos a falar dun servizo educativo de caracter complementario que destaca pola súa función social, no senso de favorecer a conciliación da vida familiar e laboral; moi demandado pola veciñanza e polas ANPAs". Neste convenio, o Concello presta o servizo de comedor, dende a elaboración das comidas,  a súa distribución ata as mesas, o reparto entre os cativos e cativas e a vixilancia no comedor, entre outros.

Na sesión deste mércores tamén se adxudicou a Recitor e Sanilu S.L. o alugueiro e  mantemento diario de 10 cabinas sanitarias en zonas verdes públicas do municipio por un período de catro anos, prorrogable por outros dous, cun importe anual de 29.040 euros. As cabinas sanitarias estarán situadas nas localizacións actuais, en zonas de tránsito como son ao carón do local social de Montirón, no Parque do Miño (zona da ponte branca), parque do Sagrado Corazón, parque Fonte dos Ranchos, na Carballeira de Fingoi, preto da pasarela peonil do parque do Miño, na zona das piscinas de Frigsa, no entorno da Fábrica da Luz e no parque Marcos Cela. Entre as melloras, tal e como explicou Fernández, atópase o compromiso de 2 limpezas diarias, os 365 días do ano á totalidade das cabinas, e unha limpeza mensual con auga quente a presión.

Outro dos acordos adoptados esta mañá foi a concesión de licenza urbanística ao Balneario de Lugo para obras de protección contra o asolagamento dos seus restos arqueolóxicos. As tarefas teñen un orzamento de 12.800 euros e o prazo de execución é de 12 meses.

Audio

  • Miguel Fernández, sobre o convenio de colaboración | Descargar mp3

Noticias relacionadas