Luz verde ao último trámite para comezar a executar de inmediato os 2,5 quilómetros do carril bici no Rato

A alcaldesa Lara Méndez incidiu en que coa nova posta en valor do Rato axúdase a dinamizar o que é un dos pulmóns verdes da cidade

Tanto no propio paseo como nas plataformas elevadas para os desniveis, empregaranse materiais antiesbarrantes e respectuosos co medio ambiente e coa fauna da zona

A actuación súmase a outras obras da Deputación e o Concello de Lugo no río como a dotación dun sistema de iluminación ou melloras de seguridade nos accesos

Venres, 02 de agosto de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Luz verde ao último trámite para comezar a executar de inmediato os 2,5 quilómetros do carril bici no Rato

A Deputación de Lugo aprobou hoxe o Plan de Seguridade e Saúde no Traballo, o último dos trámites para comezar a construción do carril bici no paseo do Rato, polo que as obras se iniciarán xa en breve.

Trátase dun proxecto de Deputación e Concello de Lugo que se desenvolverá ao carón do río rato, nun treito de 2,5 quilómetros, entre o inicio do paseo, na zona da Tolda da Castela, e o cruce da LU-530 coa LU-P-2925. O seu orzamento ascende a 505.600€.

A alcaldesa Lara Méndez e o edil de Medio Ambiente, Álvaro Santos, incidiron en que coa posta en valor do Rato axúdase a dinamizar o que é o pulmón verde da cidade. “Logo da dotación do sistema de alumeado, cada vez son máis os veciños de Lugo e da provincia que se achegan a este espazo natural, e esperamos  que o visiten aínda máis para gozar do carril bici”.

A rexedora destacou a colaboración entre Concello e Deputación, “xa que xuntos impulsamos un modelo de cidade mais humana, accesible e na que se aposta  por recuperar espazos públicos para a cidadanía, integrando, neste caso o Río Rato”.

O carril para bicicletas situase entre o paseo peonil e a estrada do Rato. No comezo, na zona da Tolda, dotarase unha zona de ocio, con bancos, paneis informativos, etc. Para a construción do propio carril, instalarase unha tarima de 2,5 m de ancho.

Todo o carril disporá dun pasamáns de seguridade de madeira duns 90 centímetros. Debido ao desnivel que existe en distintos puntos do paseo, será necesario construír 4 plataformas elevadas que estarán sostidas ao chan por vigas de madeira.

Tanto no propio paseo como nas plataformas, empregaranse materiais antiesbarrantes e respectuosos co medio ambiente e coa fauna da zona. Dotarase a zona tamén de aparcadoiro para bicicletas e sinalización.

A Deputación e Concello xa dotaron con anterioridde ao Paseo Fluvial do Río Rato e a estrada LU-P-2925 dun sistema de iluminación, que contou cun investimento de 750.000 euros. Actuouse nun treito de 7 quilómetros, entre a Avenida de Madrid e o parque do Sagrado Corazón, no que se situaron 283 puntos de luz ecolóxicos (LED).

Noticias relacionadas