Luis Álvarez inaugurou a I feira de turismo Expocidade que reúne a 25 concellos membros da eurorrexión Galicia-Norte Portugal

Xoves, 03 de outubro de 2013
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Alcalde accidental, Luis Álvarez participou esta mañá na cerimonia de inauguración da I Expocidades do Eixo Atlántico, primeira mostra de turismo das cidades membros de dita entidade. Esta mostra poderase visitar dende hoxe e ata o domingo 6 de outubro no patio do edificio de Servizos Xerais do Concello de Lugo, con entrada gratuita, e aberta entre as 12 e as 21 horas.

Luis Álvarez, sinalou durante o acto de inauguración que “nestes días de San Froilán nos que nos visitan miles de persoas é un bo momento para que se acheguen por aquí e coñezan as posibilidades turísticas doutras vilas de Galicia e do Norte de Portugal”. No acto tamén participaron, o Secretario Xeral do Eixo Atlántico, Xoan Vázquez Mao, e o Vicepresidente do Eixo Atlántico, e alcalde de Monforte de Lemos, Severino Rodríguez.

Durante estes tres días, nunha superficie de 600 metros cadrados, presentarase o mellor da oferta turística da eurorrexión na que se recolle unha ampla representación de cidades galegas e portuguesas no que será o maior escaparate do potencial turístico das cidades que integran o Eixo Atlántico. Así, hai representación de 25 concellos de Galicia e Portugal, xunto coas Diputaciones de Lugo e de Pontevedra, Turgalicia e o Consorcio da Ribeira Sacra no que se ofertarán as posibilidades turísticas de todas as cidades dada a relativa distancia que existe entre estas zonas.

Paralelamente ao desenvolvemento da feira tamén terá lugar unha serie de reunións para darlle a oportunidade a comerciantes e hosteleiros a mostrar produtos etnogastronómicos das cidades e promocionar produtos de calidade e excelencia.

Multimedia

Noticias relacionadas