Lugo10 trae á cidade a mellor arte galega contemporánea

Xoves, 23 de setembro de 2010
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A montaxe, que inclúe pezas de Lamazares, Patiño, Morquecho, Caramés ou Vilariño, poderá visitarse na Fundación Caixa Galicia ata o 16 de xaneiro

Unha conferencia da comisaria, Iria Candela, en outubro completan a proposta

A primeira Tenente de Alcalde de Lugo, Sonia Méndez, e o delegado provincial da Fundación Caixa Galicia, Sinesio Pérez, inauguraron esta mañá a exposición de ‘Realidades, expresións, tramas. Arte en Galicia desde 1975’, que se inclúe no programa Lugo10. Trátase dunha escolma proposta pola galega Iria Candela que reúne 44 obras realizadas polos máis importantes artistas galegos durante as tres últimas décadas.

As dúas entidades presentan, ata o día 16 de xaneiro e dentro do programa Lugo10 do Concello lucense, un conxunto de pezas creadas nas principais disciplinas artísticas (pintura, escultura e fotografía) coa finalidade de mostrar a variada produción da arte contemporánea do país ao tempo que se propón “o cuestionamento dos marcos interpretativos, e mesmo da propia denominación, da arte galega”, sinala a comisaria no catálogo. “Hoxe, cando unha parte importante dos artistas galegos vive de xeito máis ou menos intermitente fóra de Galicia”, sinala Iria Candela, “un pregúntase de que modo é galega a arte galega, ou que é o que lle outorga a esta arte a súa galeguidade”.

O discurso da exposición articúlase a partir dunha ordenación das obras, todas pertencentes á Colección Caixa Galicia, que foxe do ríxido patrón dos ismos e das delimitacións estritamente cronolóxicas ou xeracionais. Poténciase, pola contra, un percorrido fluído polas tendencias que marcaron o devir da arte recente en Galicia, que favoreza o diálogo e os contrastes entre as obras.

Igualmente, máis aló das categorizacións xerais, a exposición, que forma parte do programa de difusión das artes ‘Miradas’, da Fundación Caixa Galicia- anima a que o visitante descubra os procesos polos cales cada obra se conecta coas realidades, expresións ou tramas xeométricas e argumentais que impulsaron a súa creación, e que esta experiencia estimule a comprensión, dende a historia e a estética da arte, dos desafíos que sen dúbida suscita a arte galega actual aos espectadores de hoxe.

Iria Candela (Santiago, 1976) é actualmente Postdoctoral Research Fellow na Tate Modern de Londres. Recentemente comisariou a exposición colectiva ‘Low key’ para a Fundación Botín de Santander, realizou a edición crítica do catálogo da exposición ‘Francesc Torres. Da Capo’ celebrada no Macba de Barcelona, e dirixiu o ciclo de conversacións con artistas ‘A arte nos seus dominios’ nos Institutos Cervantes de Nova York e Utrecht.

Entre 2005 e 2006, Iria Candela, que visitará Lugo no vindeiro mes de outubro para ofrecer unha conferencia sobre a arte galega contemporánea, foi Curatorial Assistant no Solomon R. Guggenheim Museum de Nova York, onde organiza a exposición ‘Spanish Painting from El Greco to Picasso: Time, Truth and History’, e colabora nas exposicións ‘Richard Serra: The Matter of Time’ e ‘David Smith. A Centennial’.

É autora do libro ‘Sombras de ciudad. Arte y transformación urbana en Nueva York, 1970-1990’. Escribiu sobre arte contemporánea en diversos libros, catálogos e revistas como Lápiz, Exit Express e Versiones, así como no diario El País. Ademáis, Candela é doutora en Historia e Teoría da Arte pola Universidade Autónoma de Madrid e Master of Arts en Modern Art and Critical Studies pola Columbia University de Nova York. Recibiu bolsas de formación da Fundación Barrié de la Maza, do Guggenheim Museum, do Museo do Prado e do Ministerio de Educación e Ciencia.

Listaxe de Artistas

Alonso, Mónica
Mantecón, Francisco
Baixeras, Rafael
Manzano, Acisclo
Barbi, Jorge
Matamoro, Din
Basallo, Ignacio
Medal, Tatiana
Blanco, Vicente
Morquecho Barral, José Ramón
Cabezas, Jorge
Oro Claro, Xurxo
Caramés, Vari
Patiño, Antón
Carbajo, Tono
Paz, Manolo
Casás, Fernando
Pereira, Pamen
Caxigueiro, Daniel
Prego, Vicente
Correa Corredoira, Javier
López Gabú, Luis
Crego, Carlos
Quintana Martelo, Manuel
Cidrás, Salvador
Rego, Montse
Facal, Manuel
Rial, Carlos
Fernández Fernández, Ana
Ruibal, Manuel
Fernández Freixanes, Xosé
Toubes, Xavier
Fernández, Almudena
Vázquez, Manuel
Gómez-Chao, Xurxo
Vilariño, Manuel
González, Roberto
Lamas, Menchu
Lamazares, Antón
Leiro, Francisco

www.lugo10.es

 

Noticias relacionadas