Lugo volverá a ser a capital de España de exhibición canina esta fin de semana con exposicións nacionais e internacionais no Pazo de Feiras

O recinto acollerá os días 4 e 5 de setembro a 97 Exposición Nacional Canina & 43 Exposición  Internacional Canina e 98 Exposición Nacional Canina.

Lara Méndez: “Este evento xera un enorme interés pois, pese ás limitacións da pandemia, xa hai inscritos máis de 800 cans procedentes de toda España, Portugal, Francia e Italia”.

O evento contará con estritas medidas de prevención fronte á Covid-19: distancias de seguridade, zonas delimitadas, puntos de xel hidroalchólico e uso obrigatorio da máscara.

Mércores, 01 de setembro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo volverá a ser a capital de España de exhibición canina esta fin de semana con exposicións nacionais e internacionais no Pazo de Feiras

O Pazo de Feiras e Congresos de Lugo acollerá esta fin de semana a 97 Exposición Nacional Canina & 43 Exposición Internacional Canina e 98 Exposición Nacional Canina, unha proba de morfoloxía que consiste en buscar e premiar o exemplar que máis se asemella ao estándar oficial da raza, así como as súas aptitudes naturais. A alcaldesa, Lara Méndez, presentou o evento este mércores acompañada do xerente da Fundación Feiras e Exposicións de Lugo, Rubén López, e o representante da Sociedade Canina Galega, Francisco José Álvarez.

Durante o acto, a rexedora explicou que “esta será a terceira ocasión na que teremos o privilexio de acoller a competición na nosa cidade e, pese ás limitacións derivadas da pandemia, cómpre subliñar o enorme interese xerado, pois xa hai inscritos máis de 800 cans procedentes de toda España, Portugal, Francia e Italia”.

Neste senso, Lara Méndez apuntou que “a cita de Lugo será unha das máis atractivas de todo o panorama nacional e suporá, así mesmo, unha gran oportunidade para darnos a coñecer como cidade verde, sostible e amiga dos animais. En efecto, somos unha das cidades galegas con maior número de cans, con máis de 16.000, cun incremento do censo canino nos últimos anos do 15%”.

Pola súa parte, Ruben López quixo agradecer “a implicación do Concello de Lugo dende a primeira edición para poder acoller un evento desta magnitude, máis tendo en conta que viña dunha cidade grande como Vigo”. Mentres que Francisco José Álvarez destacou “as condicións que ten Lugo para albergar esta competición, moi difíciles de atopar xa non só en Galicia senón no resto de España: unha instalación con zonas verdes, con un aparcamento enorme, preto da autovía... é unha situación privilexiada”.

A proba, que será puntuable para o campionato nacional e internacional, terá lugar os días 4 e 5 de setembro en horario de 09:30 a 13:30 horas, e de 15:30 a 19:00 horas. Este ano, por mor da situación sanitaria, farase a porta pechada. Os cans desfilarán nun ring da correa do seu do seu expositor (normalmente o seu propietario, aínda que pode darse o caso de ser presentados por un Handler). Un can que supere todas as probas estará en ring un máximo de 15 minutos ao longo de todo o día.

Todos os cans participantes teñen a obriga de estar identificados mediante microchip. No concurso só poderán participar cans das razas recoñecidas pola FCI, e será seguindo o previsto polo Regulamento Certámenes de Morfoloxía Canina, adxunto no que vai un listado de razas admitidas por la FCI (Federación Cinolóxica Internacional).

Medidas de seguridade fronte á Covid-19

O evento garantirá contará con estritas medidas de prevención e seguridade fronte á Covid-19. Neste senso, todos os expositores gardarán unha distancia de 1.50 metros e colocaranse en zonas de delimitadas e situadas en cada pavillón e convenientemente sinaladas no plano. Por normas do pavillón non se poderá montar carpas no interior.

No interior dos pavillóns será obrigatorio o uso da máscara en todo momento, así como no exterior cando non se poida manter a distancia de seguridade con outras persoas. Así mesmo, habilitaranse puntos de xel hidroalcohólico en diferentes lugares do recinto (puntos de acceso, rings, restaurantes, baños, etc.). Ademais, nesta ocasión non será posible organizar reunións, xantares ou compartir comida no interior dos pavillóns.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a exhibición canina | Descargar mp3
  • O representante da Sociedade Canina Galega, Francisco José Álvarez, sobre a exhibición canina | Descargar mp3
  • O xerente da Fundación - Feiras e Exposicións de Lugo -, Rubén López, sobre a exhibición canina | Descargar mp3
 

Multimedia

  • Lugo volverá a ser a capital de España de exhibición canina esta fin de semana con exposicións nacionais e internacionais no Pazo de Feiras

Noticias relacionadas