Lugo volverá a contar, por cuarto ano consecutivo, con Moeda Oficial do Arde Lucus MMXIII

Venres, 24 de maio de 2013
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, xunto co presidente da Asociación Cohors III Lucensium, Manuel Fernández, e escoltados por soldados romanos, presentaron esta mañá a moeda oficial que esta asociación acuña, por cuarto ano, para a festividade do Arde Lucus.

Carmen Basadre destacou o gran éxito acadado por esta iniciativa e sinalou que é un reflexo máis do movemento e a expectación que se xera ao redor da celebración, ademais tamén adiantou que este ano se presenta por primeira vez, unha pulseira do Arde Lucus.

O Presidente de La Cohors III Lucensium, Manuel Fernández, explicou que este ano 2013 La Cohors III Lucensium, unha vez máis, “quere que todos os asistentes á festa do Arde Lucus se sintan máis identificados con esta cidade e dunha forma totalmente lúdica, por uns días, sexamos máis participativos, facendo que público e comerciantes nos metamos máis no papel da festa, exportando unha imaxe positiva e cordial das xentes de Lucus Augusti”. En total, poranse en circulación 4.000 moedas.

A moeda, está realizada en bronce é un AS da época da República de Roma e que se empregou entre os anos 225 a. C. e 217 a. C. Escolleuse esta moeda en conmemoración do Deus Jano e da por ser unha das moedas con relevancia no nacemento de Roma. No anverso da moeda figura a cabeza do deus Jano bifonte que está asociado co comezo e final dos acontecementos importantes, e debaixo do busto, unha raia horizontal que é o que fai referencia ao seu valor de 1 as.

No reverso da moeda podemos ver unha proa dunha embarcación de guerra, que reflicte unha declaración explícita do crecente poder marítimo de Roma e xusto na parte superior unha raia vertical sinalando o valor de 1 as e, na parte inferior, un xabalí que é o distintivo das Cohors.

A moeda será repartida polos establecementos identificados có distintivo da moeda durante esta semana. Cada moeda ten o valor de 2 euros. A devolución dos pagos será realizada en euros, e poderanse cambiar as moedas ata fin de existencias.

Unha vez finalizadas as festas, aqueles romanos que queiran volver a obter os euros polo valor das moedas, deberán realizar o cambio nos establecementos có distintivo, dando por pechada a operación do cambio o sábado 22 de xuño de 2013 ás 13.00 horas. O Banco Oficial da moeda do Arde Lucus estará situado no Hotel Pazo de Orban, na zapatería Rochas, na tenda Firi Mujer, en Joyería Honorino e no Estanco Galerías Calle Cruz.

Pulseira Arde Lucus

Tamén, por primeira vez, se presentou a pulseira do Arde Lucus 2013, que leva incorporada, en conmemoración ao deus Jano, unha moeda en bronce que é un denario romano que estivo en uso entre o ano 110 a.C. e o 108 a.c. No anverso figura o a cara do deus Jano bifonte e no reverso pódese ver Roma de pé coroando un trofeo con dous escudos e un carnix. Esta pulseira terá un valor de 5 euros e estará a venda nos mesmos establecementos que a moeda.

Para calquera información poderán dirixirse á Asociación a través do correo electrónico info@cohorsIIIlucensium.es ou chamando ao teléfono 629 842614 - 982 240217.

www.ardelucus.com

Multimedia

Noticias relacionadas