Lugo vístese das cores do arco da vella co Orgullo Lgbt Lugay 2015

O Concello colabora co colectivo ALAS na celebración desta xornada que terá lugar o vindeiro sábado 19 de setembro na Praza de San Marcos a partir das 21:30 horas

Os artistas Yogurina Borova, La Ogra que todo lo logra, Crazy Dolls, Las Supremas e El Burlesco Malandrín participarán no Orgullo Lgbt Lugay 2015

A entidade local tamén colabora co colecivo de lesbianas, gays, bisexuais e transexuais ALAS na celebración da II Foliada, que acollerá a praza da Soidade o 2 de outubro ás 22:30 horas

Mércores, 16 de setembro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
De esquerda a dereita: a Vicepresidenta Segunda da Deputación, María Teijeiro; o presidente da Asociación pola Liberdade Afectivo e Sexual da cidade de Lugo, colectivo ALAS, Marcos Fernández Trigo e a Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión Social, Ana González Abelleira

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión Social, Ana González Abelleira, e o presidente da Asociación pola Liberdade Afectivo e Sexual da cidade de Lugo, colectivo ALAS, Marcos Fernández Trigo, presentaron este mércores no Salón de Plenos os actos do Orgullo Lgbt Lugay 2015.

O Concello colabora con esta iniciativa, que terá lugar na Praza de San Marcos o vindeiro sábado, 19 de setembro, a partir das 21:30 horas, cunha achega de 2.000 euros. “Enmárcase na nosa aposta polas políticas de igualdade real e afectiva e pola diversidade, para crear unha socidade inclusiva e libre de discriminacións e exclusións pola orientación sexual e a identidade de xénero”; tal e como subliñou González Abelleira. Ao acto tamén asistiu a Vicepresidenta Segunda da Deputación, María Teijeiro.

“Para o Concello de Lugo é un orgullo loitar pola non discriminación”, destacou a edil, quen sinalou que a entidade local traballa para previr o acoso e a homofobia.

Pola súa banda, Fernández agradeceu a colaboración institucional para levar a cabo un ano máis esta xornada que pretende educar na sexualidade para normalizar e favorecer o respecto ás diferentes orientacións sexuais.

O Orgullo Lgbt Lugay 2015 comezará ás 21:30 horas coa lectura dun manifesto reivindicativo, seguido de diferentes actuacións musicais. Os artistas que participarán nesta celebración son Yogurina Borova, unha afamada transformista, cantante e cabaretera; La Ogra que todo lo logra, unha madrileña coñecida pola súa actividade nas redes sociais e por cancións como Te borro del facebook; Crazy Dolls, unha banda que presentará os seus novos temas musicias, Las Supremas, un dúo lucense de proxección nacional, e por último, El Burlesco Malandrín, que representará unha revisión orixinal do mítico cabaret máis clásico. Os actos rematarán en torno ás 00:00 horas.

II FOLIADA 

O Concello de Lugo colabora co colectivo de lesbianas, gays, bisexuais e transexuais ALAS na celebración da II Foliada, que acollerá a praza da Soidade o venres, 2 de outubro ás 22:30 horas. Trátase dun acto enmarcado no San Froilán 2015 que pretende sensibilizar e darlle visibilidade ao colectivo Lgbt.

A II Foliada arrancará cunha lectura dun manifesto reivindicativo. Logo actuarán Asanzaa, un cantante moi recoñecido no mundo Lgbt e Kika Lorace, unha afamada travesti do panorama nacional que está triunfando con temas como “Adiós Botella, Adiós PP” ou “Chueca es genial”, entre outros. A II Foliada estará presentada polo dúo lucense Las Supremas, quen tamén realizará algún número cómico-musical.

Audio

  • Declaracións da Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión Social, Ana González Abelleira, sobre Lugogai|Descargar mp3

Noticias relacionadas